Consellería de Economía e Industria
A Xunta apoia con 4 millóns de euros a creación de tres centros avanzados de uso compartido e aberto para empresas

- Serán impulsados por Orange Espagne, Alén Space e o Real Club Celta de Vigo e terán como obxectivo o fomento dun ecosistema produtivo “máis moderno, colaborativo e competitivo”
- Nunha visita a instalacións de Orange, a conselleira de Economía e Industria lembrou que o Programa Infraestruturas estratéxicas abertas busca xerar cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar de recursos de alto valor engadido
- María Jesús Lorenzana situou como principais beneficiarios a pemes e emprendedores, que son precisamente “os que teñen maior dificultade para incorporar a innovación nos seus procesos produtivos, produtos, organización e servizos”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “o importante esforzo que está a facer a industria galega para innovar e posicionarse como empresas modernas e tecnoloxicamente avanzadas”. “Un traballo que conta co apoio da Xunta para potenciar un sector que en Galicia é moi potente e que vai permitir aumentar a competitividade do noso tecido empresarial”, remarcou.
Lorenzana fixo ese recoñecemento ao visitar no Centro de servizos avanzados da Cidade das TIC, na Coruña, as instalacións de Orange, unha das tres beneficiarias do Programa Infraestructuras estratéxicas abertas, que impulsa o Igape e cuxa resolución acaba de saír publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Orange Espagne, S.A.U., pertencente ao Grupo MasOrange, é a compañía responsable do Proxecto AI4B: Intelixencia artificial para empresas, que recibirá unha achega de 1,3 millóns de euros para poñer en marcha unha plataforma de intelixencia artificial dirixida ao mercado B2B.
BENEFICIOS PARA PEMES E EMPRENDEDORES
A titular de Economía e Industria lembrou que esta orde de axudas está dirixida a grandes empresas galegas para que fomenten un ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores “que son os que teñen maior dificultade para incorporar esa innovación nos seus procesos produtivos, nos seus produtos, na súa organización e tamén nos seus servizos”, indicou. Ademais, destacou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta a disposición do empresariado galego destes produtos punteiros.
María Jesús Lorenzana subliñou o traballo que tanto o tecido empresarial como as Administracións están a realizar no reto de avanzar na innovación industrial. Un esforzo que se traduce en cifras “tal e como estamos vendo en Galicia, que segundo datos do INE, disparou o seu gasto en innovación empresarial un 30%, ata os 1.073 millóns de euros, o que nos sitúa como unha das Comunidades con maior crecemento”. Lorenzana tamén se referiu ao incremento no peso que Galicia ten no investimento en innovación en España “no que alcanzamos xa o 4,6% do total nacional”, precisou.
Xunto a Orange Espagne S.A.U. resultaron beneficiarias da convocatoria deste ano as firmas Alén Space e o Real Club Celta de Vigo. En total, o Goberno galego concederá preto de 4 millóns de euros para impulsar a posta en marcha de tres novos centros avanzados de uso compartido e aberto en Galicia. As beneficiarias recibirán ata o 60% do investimento previsto.

























