Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia inxectará máis de 400 millóns de euros no tecido produtivo durante o trienio 2026-2028

  • Alfonso Rueda fixa como obxectivo “incrementar nun 25% o número de empresas que innovan en Galicia”, cifradas actualmente nunhas 1.750, “e conseguir que o gasto privado neste eido medre ata os 1.500 millóns de euros”
  • O presidente da Xunta asegura que “se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día”
  • A conselleira de Economía e Industria precisa que mobilizar “máis de 400 millóns de euros de fondos propios” supón “un incremento próximo ao 60% respecto do escenario previo”
  • María Jesús Lorenzana afirma que ese volume de investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e dotar ás empresas de alta tecnoloxía baseada na IA
  • A Xunta xa destinará no mes de xaneiro 40 millóns de euros ás liñas de axuda Industria Innova e IA360, para proxectos de investigación industrial ou ferramentas de intelixencia artificial
  • No ano 2024, o gasto en innovación empresarial en Galicia acadou os 1.073,6 millóns de euros, rexistrando unha taxa de crecemento anual do 30,4%, que superou en máis de 17 puntos porcentuais á do Estado (13%)

O Consello da Xunta acordou iniciar os trámites para a posta en marcha da primeira `Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028´ coa que se prevén mobilizar máis de 400 millóns de euros. O obxectivo é dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade.

Á finalización da última reunión do Consello en 2025, Alfonso Rueda explicou que esa medida enmárcase na aposta da Xunta por fomentar a innovación entre as empresas galegas. “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día”, resaltou.

O presidente da Xunta sinalou que o obxectivo é aprobar a estratexia “no primeiro semestre de 2026” e, previamente, segundo detallou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, vanse celebrar encontros cos axentes sociais e as entidades do sector para recoller as súas achegas co fin de consolidar Galicia como unha fábrica de innovación capaz de transformar talento e coñecemento en solucións con impacto real na economía e na sociedade.

En definitiva, trátase de converter a innovación nunha práctica cotiá do tecido empresarial galego e non nunha moda nin nunha excepción. Para logralo, a Xunta vai buscar a implicación de empresas, centros de coñecemento, clústeres e das distintas administracións. “Queremos que se innove máis, que se innove mellor e que isto se traduza nunha competitividade sostible e en emprego de calidade”, apostillou a conselleira.

Reforzar a cooperación público-privada incorporando as pemes aos procesos de transformación nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado é un dos propósitos da iniciativa, que estará moi centrada nas pemes, xa que, nun escenario tan globalizado, tecnolóxico e competitivo como o actual, a maioría das que non innoven están condenadas a desaparecer.

Así, a folla de ruta 2026-2028 mobilizará “máis de 400 millóns de euros de fondos propios, cun incremento próximo ao 60% respecto do escenario previo”, segundo indicou Lorenzana. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e dotar ás empresas de alta tecnoloxía baseada na IA.

Ademais, Rueda explicou que a estratexia agarda “incrementar nun 25% o número de empresas que innovan en Galicia”, cifradas en máis de 1.750 segundo os últimos datos, “e conseguir que o gasto privado neste eido medre ata os 1.500 millóns de euros”. Tamén se aspira a atraer, reter e mobilizar talento cualificado, e impulsar redes de apoio que acompañen ás empresas.

A INNOVACIÓN COMO PANCA DE COMPETITIVIDADE

A posta en marcha da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia prodúcese tras a creación, en 2024, da Área de Innovación Empresarial no seo da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, co obxectivo de impulsar a innovación como panca esencial da competitividade das empresas.

O Goberno galego considera que a innovación nas empresas só se consolida cando se traduce en maior produtividade, sustentabilidade, capacidade exportadora e emprego. Por iso, dar máis facilidades de financiamento ás sociedades que aposten pola innovación, fomentar a autonomía tecnolóxica, pór a disposicións instrumentos públicos e redes de apoio que acompañen ás empresas ou atraer e mobilizar talento son algúns dos eixos de actuación da estratexia, cuxo borrador deberá estar listo no primeiro trimestre de 2026.

INVESTIGACIÓN INDUSTRIAL E FERRAMENTAS DE IA

A Estratexia desenvolverase a través de catro grandes eixes: Retos empresa innovadora, Estruturación, Financiamento e Transversalidade, que prevén incorporar diferentes modalidades de apoios. No primeiro deles destacan a activación de dous programas: Industria Innova e IA360. Rueda salientou que o Consello acordou destinar “40 millóns de euros” a estas dúas liñas de axudas para “impulsar proxectos de investigación industrial ou implantar ferramentas de intelixencia artificial”.

Industria Innova, dotada con 30 millóns de euros, está destinada a apoiar proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en procesos e organización nas empresas galegas, mentres que IA360 (10 millóns de euros) porá o foco na industria, con prioridade nos proxectos vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia, e contará con dúas tipoloxías de axuda. A primeira, para o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en IA; a segunda, para proxectos de implantación e aplicación de servizos e solucións comerciais baseadas nesta tecnoloxía.

No ano 2024, o gasto en innovación empresarial na Comunidade galega acadou os 1.073,6 millóns de euros, rexistrando unha taxa anual do 30,4% coa que supera en 17 puntos á do Estado (13%). Tal e como explicou a conselleira, Galicia “é a cuarta Comunidade onde máis aumentou o investimento”. Estes datos dan boa conta do esforzo que Galicia está a facer para incorporar a innovación como panca de crecemento en todas as áreas e procesos produtivos.

Tras a aprobación do inicio da tramitación da `Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028´ no último Consello da Xunta de 2025 , está previsto desenvolver un calendario de reunións que inclúe xuntanzas co Diálogo Social e a constitución dunha Mesa Empresa Innovación, así como a recollida de achegas de entidades e axentes do ámbito da innovación.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia