Consellería de Economía e Industria
Rueda convida ao grupo chinés Goldwind a que participe no despregue das enerxías renovables en Galicia e na repotenciación de parques eólicos

- Na reunión con representantes da compañía, acompañado pola conselleira María Jesús Lorenzana, presentou a Comunidade galega como “un socio estratéxico que reúne as características necesarias” para a implantación en Europa
- Convidou formalmente aos directivos de Goldwind a visitar Galicia para coñecer de primeira man os polos de innovación e para seguir explorando posibles vías de colaboración
- O presidente da Xunta citou o Plan de repotenciación como “área de colaboración inmediata” coa compañía chinesa pola súa madurez tecnolóxica
- Destacou a posición de Galicia en produción eólica e precisou que a potencia instalada permite que, xunto coa hidráulica, as renovables cubran xa o 84% do mix eléctrico galego
Como continuidade da viaxe institucional da delegación da Xunta a China, o presidente Alfonso Rueda mantivo un encontro con representantes da empresa Goldwind, onde explorou novas vías de colaboración para que a multinacional chinesa participe no despregue ordenado das enerxías renovables en Galicia. Durante a reunión, o titular do Goberno galego presentou a Comunidade como un socio estratéxico que reúne as características necesarias para a implantación da compañía en Europa.
Rueda, que estivo acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que Galicia é a terceira rexión de España en produción eólica, contando a día de hoxe con máis de 4.000 megavatios instalados, 200 parques en funcionamento e unha xeración que supón o 38,4% da electricidade producida na Comunidade. Segundo destacou, a potencia instalada permite que, xunto coa hidráulica, as enerxías renovables cubran xa o 84% do mix eléctrico galego. Así mesmo, incidiu no feito de que a rexión conte coa primeira norma autonómica do país, referíndose á Lei do Clima, que fixa por lei a neutralidade climática en 2040, adiantándose nunha década aos obxectivos de España e da Unión Europea.
Con vistas a unha posible sinerxía, o presidente explicou o Plan de repotenciación da Xunta, que prevé actuar nos 25 parques de maior antigüidade para retirar 800 aeroxeradores e substituílos por modelos máis eficientes, deixándoos nunha media de 120. Así, destacou que esta é unha área de colaboración inmediata con empresas como Goldwind pola súa madurez tecnolóxica.
Por outra banda, tamén defendeu na reunión que Galicia ofrece un ecosistema de "estabilidade política e seguridade xurídica" para os investidores. Neste sentido, mencionou ferramentas como as Zonas de Aceleración de Proxectos ou a sociedade Recursos de Galicia (RDG), a través da cal o Goberno autonómico participa directamente na promoción e financiamento de proxectos enerxéticos. Finalmente, Rueda convidou formalmente aos directivos da compañía a visitar Galicia para coñecer de primeira man os polos de innovación e os proxectos postos en marcha na Comunidade e seguir explorando así posibles vías de colaboración.

























