Consellería de Economía e Industria
Rueda destaca que a viaxe a China permitiu consolidar contactos estratéxicos en sectores clave como a automoción, o turismo e as enerxías renovables

- O presidente da Xunta fixo un balance positivo e enxalzou que os directivos chineses de grupos líderes percibiron as vantaxes competitivas de Galicia, entre elas “a solvencia da industria auxiliar e a estabilidade institucional”
- A delegación galega mantivo encontros con destacados operadores do país asiático, co obxectivo de reforzar Galicia como destino e de promocionar o Xacobeo 2027, que Rueda sinala que vai ser “un fito histórico”
- O peche do programa deparou unha visita á fábrica de baterías para vehículos de nova enerxía do grupo SAIC Motor en Zhengzhou, nun dos complexos industriais máis avanzados do mundo no ámbito da mobilidade eléctrica, con capacidade para producir 300.000 packs de baterías ao ano
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, concluíu a súa viaxe oficial a China tras unha intensa axenda de traballo centrada en posicionar a Galicia como un destino preferente para o investimento industrial e o turismo internacional. Horas antes de partir desde Pekín cara á Comunidade galega, o titular do Executivo autonómico fixo un balance positivo da viaxe e amosouse "satisfeito" polos contactos establecidos durante estes días, que permitiron poñer de relevo “que investir en Galicia é unha moi boa idea", e indicou que “agora por suposto teñen que seguir”.
Un dos eixes centrais da viaxe, na que Rueda estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foron as reunións con empresas líderes no sector da automoción como SAIC Motors. O titular do Goberno galego trasladou aos directivos chineses as vantaxes competitivas de Galicia, destacando a solvencia da industria auxiliar e a estabilidade institucional como piares para atraer novos proxectos. A axenda tamén incluíu unha xuntanza coa empresa Goldwind sobre enerxías renovables, un ámbito no que a Comunidade aspira a ser líder grazas ao seu potencial hídrico e eólico, que é “un ámbito no que Galicia ten un enorme potencial”.
No eido turístico, a delegación galega mantivo estes días encontros con importantes operadores do país asiático. O obxectivo prioritario foi reforzar Galicia como destino e, de xeito especial, promocionar o Xacobeo 2027, do cal o presidente destacou que vai ser un fito “histórico”.
VISITA Á FÁBRICA DE BATERÍAS DO GRUPO SAIC MOTOR
No último día da viaxe a China, o presidente visitou a fábrica de baterías para vehículos de nova enerxía do grupo SAIC Motor, un dos principais fabricantes da industria automobilística de China, onde puido coñecer de primeira man un dos complexos industriais máis avanzados do mundo no ámbito da mobilidade eléctrica. Durante o percorrido polas instalacións, que contan cunha capacidade prevista de 300.000 packs de baterías ao ano e que forman parte do complexo industrial de SAIC en Zhengzhou -a maior base de exportación do grupo-, o titular do Goberno galego subliñou as vantaxes competitivas de Galicia para atraer investimentos de alto valor engadido vinculados ás novas enerxías. Así, puxo en valor a capacidade loxística e o ecosistema industrial galego para acoller proxectos que busquen a innovación na electromobilidade.
Esta visita, na que Alfonso Rueda estivo acompañado pola conselleira María Jesús Lorenzana, complementou a reunión mantida o día previo co presidente de SAIC Motors, Xiaoqiu Wang, e con outros cargos directivos da compañía, co obxectivo de explorar novas oportunidades de negocio e atraer investimentos a Galicia nun sector no que a Comunidade galega se sitúa como un dos principais polos de produción e desenvolvemento tecnolóxico en Europa.

























