Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As empresas e os fogares situados na contorna do parque eólico Mondigo beneficiaranse de descontos de ata o 80% no consumo de electricidade

  • Na clausura do foro `Empresa, Industria e Innovcación´, do programa Conecta Lugo, a conselleira de Economía e Industria anunciou que o vindeiro 18 de maio comezarán os traballos que permitirán activar as bonificacións
  • María Jesús Lorenzana avanzou que o deseño do plan industrial estenderá os descontos a empresas locais dos tres municipios nos que se asenta o parque: Ribadeo, Trabada e Barreiros
  • Inaugurou a xornada a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen animou á industria a aproveitar o potencial de recursos, coñecemento e calidade de Galicia, e da Mariña en particular, no ámbito do sector primario

 

Na clausura do foro Empresa, Industria e Innovación, organizado no marco do programa Conecta Lugo, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que o vindeiro 18 de maio a Xunta, a sociedade Recursos de Galicia (RDG) e alcaldes e empresarios dos municipios onde se asenta o parque eólico Mondigo -Ribadeo, Trabada e Barreiros-, van comezar cos traballos para establecer os descontos dos que se van beneficiar, tamén, as empresas emprazadas nos núcleos de poboación próximos a esta instalación. Lorenzana lembrou que, neste momento, estase traballando en activar os descontos dos que se van favorecer os fogares máis próximos a este parque eólico, que serán de ata un 80% no seu consumo de electricidade. Ademais, nas vindeiras semanas comezarase a deseñar o plan industrial para estender estas bonificacións ás empresas locais.

A conselleira asegurou que Mondigo é un proxecto que pon de manifesto o obxectivo da política enerxética da Xunta: “Que a xeración de enerxía teña un retorno directo para os veciños e para as empresas”, remarcou. “Non hai industria a día de hoxe se non hai enerxía. Se queremos que haxa industria nun territorio temos que saber crear as condicións; a industria non chega por casualidade, faino porque hai unha política económica clara”, abondou Lorenzana.

Neste contexto, amosouse tamén partidaria de “facilitar a implantación empresarial eliminando barreiras, reducindo tempos e acompañando as empresas”, tal e como está facendo a Xunta a través da Oficina Económica de Galicia. “Cada proxecto que non se atende, cada investimento que non se acompaña é unha oportunidade que se perde”, enfatizou.

“Este é o cambio que estamos tratando de impulsar: pasar dunha Administración que simplemente responde nos tempos en que pode, a ser unha Administración que realmente lidera o acompañamento económico no territorio”, dixo, para destacar a necesidade, tamén, de axilizar os procedementos para dispoñer de solo industrial e de crear ecosistemas industriais.

GRAN POTENCIAL NA INDUSTRIA

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de abrir este foro e fíxoo facendo un chamamento á industria a aproveitar o “enorme potencial” que ofrecen Galicia en xeral e A Mariña de Lugo en particular no ámbito do sector primario, porque “quen saiba optimizar estas potencialidades non só xerará valor aquí, senón que competirá con forza nun mercado global cada vez máis esixente”.

Nesta liña, María José Gómez defendeu que se dispón de recursos, coñecemento e dun modelo baseado na calidade que animou a poñer en valor, tomando como referencia tres eixos fundamentais, como son o agro, o monte e o mar. Así, sobre o primeiro, incidiu no liderado que ostenta a Comunidade dentro do lácteo, non só por volume de produción, senón tamén por transformar aquí arredor do 75% do leite que se produce. Puxo ademais de relevo a puxanza doutros sectores, caso do cárnico, a horta ou a flor cortada e a planta ornamental. Todo isto, subliñou a conselleira, cun modelo máis diverso, máis técnico e máis empresarial, favorecido pola innovación e por un apoio público dentro do que destacou o eido da formación, con centros como o CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

En relación co monte, afirmou que “é moito máis que paisaxe; é economía, emprego e equilibrio territorial”, algo que se fai moi visible en áreas como A Mariña. A conselleira do Medio Rural remarcou tamén a importancia de incorporar tecnoloxía e de impulsar a formación neste sector, para mellorar a produtividade, a xestión e a prevención dos incendios.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia