Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta transforma o sector mineiro de Galicia coa vindeira licitación dos dereitos de explotación de minerais críticos para a industria europea

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para anunciar este “paso decisivo” na política mineira da Comunidade
  • Precisou que as empresas promotoras que se presenten a este concurso, que a Xuta licitará “nas vindeiras semanas”, terán a obriga de presentar un plan social “destinado directamente á cidadanía” e adaptado “á realidade de cada concello”
  • Lorenzana avanzou que se van incluír dereitos mineiros sobre os que hai probada existencia do recurso, o que permitirá solicitar directamente a concesión de explotación das minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba para a obtención de ouro, volframio e estaño
  • Estas explotacións da provincia da Coruña poderían poñer en valor recursos naturais por importe de 7.000 millóns de euros, mobilizar uns 200 millóns de investimento e crear máis de 250 empregos directos e 750 indirectos, detallou a conselleira no pleno da Cámara
  • O concurso tamén incluirá máis de cen dereitos mineiros nas catro provincias galegas para permisos de investigación sobre materias primas clásicas como o caolín, arxila, cuarzo, feldespatos e granito, así como doutras críticas como o litio, niobio e tantalio na zona de Beariz e Beade, ou o cobre en Becerreá

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou durante unha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento que o Goberno galego vai dar un paso decisivo na política mineira de Galicia, xa que nas vindeiras semanas sacará a concurso os dereitos de explotación de minerais críticos para a industria europea, coa obriga de que as empresas promotoras presenten un plan social. Na súa intervención explicou que o que será o segundo concurso mineiro da lexislatura terá como unha das súas novidades a inclusión de dereitos mineiros sobre os que hai probada existencia do recurso. Deste xeito, permitirá solicitar directamente a concesión de explotación de minas de volframio, estaño e ouro na provincia da Coruña, minerais de referencia para os sectores da defensa, a automoción e o aerospazo.

Incluiranse, así, os dereitos de explotación da mina de Corcoesto (tres dereitos mineiros) en Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, para ouro e ferro; da Mina San Finx, en Lousame, para volframio e estaño; e da mina de Santa Comba, que abrangue, tamén, os concellos de Coristanco e Cabana de Bergantiños, para volframio. Unhas explotacións que poderían chegar a poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 millóns de euros, coa mobilización de 200 millóns de investimento directo e a creación de máis de 250 empregos directos e 750 indirectos.

Cómpre salientar que Galicia posúe 18 dos 34 materiais considerados críticos pola Unión Europea, o que sitúa á Comunidade “nunha posición de oportunidade que non se pode ignorar; unha realidade que conecta directamente co futuro do noso tecido produtivo, do territorio e da poboación”, aseverou María Jesús Lorenzana.

De xeito complementario, o concurso incluirá tamén máis de cen dereitos mineiros nas catro provincias para permisos de investigación. Serán de materias primas clásicas como o caolín, a arxila, o cuarzo, os feldespatos e o granito, as verdadeiras responsables de que Galicia sexa a segunda Comunidade autónoma en emprego mineiro, lembrou a conselleira. Pero tamén de materias primas críticas como o litio, o niobio ou o tantalio, na zona de Beariz e Beade; ou o cobre, na zona de Becerreá, nunha aposta por converter á Comunidade nun referente en minería metálica

ESIXENCIA DE PLANS SOCIAIS

Xunto con isto, Lorenzana avanzou como outra das novidades que aos promotores esixiráselles que incorporen plans sociais punteiros que sexan financiados cunha porcentaxe dos beneficios dos proxectos. Irán adaptados á realidade social de cada concello e destinados directamente á cidadanía, porque non hai dúas comarcas iguais, dixo durante a comparecencia no Parlamento de Galicia. Ademais, engadiu que estarán deseñados a medida da man dos cidadáns, que son “os que mellor coñecen as súas necesidades e os que deben marcar as prioridades”.

Segundo precisou, serán plans que incluirán vantaxes para a mocidade, para que poida formarse, estudar idiomas, retornar e construír un proxecto de vida na súa terra; que apoien ós maiores; que actúen sobre o tecido económico do territorio, para diversificar, atraer talento e crear actividade máis alá da propia mina; e, sobre todo, plans concibidos desde o primeiro momento pensando no escenario posterior ao cesamento da actividade, porque “unha mina ten unha vida útil finita, pero hai vida tras a mina”, remarcou.

“O plan social non é un anexo do proxecto industrial, é unha peza angular do proceso de decisión da Xunta en todas as súas fases. Será determinante: na valoración das ofertas, no outorgamento dos dereitos mineiros, no seguimento da execución e na avaliación final. Sen un plan social á altura, non haberá proxecto”, concluíu a conselleira de Economía e Industria. “Galicia quere unha minería moderna, sostible e estratéxica para Europa, pero quere, sobre todo, unha minería que se note, para ben, na vida da xente”, abondou.

“Esa é a garantía que a lei dá hoxe aos galegos; esa é a garantía que esta Xunta vai facer cumprir; e esa é, precisamente, a diferenza entre unha política industrial pasiva e unha política industrial activa”, asegurou, para matizar que: “Non pode haber unha negativa sistemática que ignore a situación na que nos atopamos. Renunciar a desenvolver recursos propios implica depender doutros territorios que non necesariamente aplican os mesmos estándares ambientais nin sociais. E iso, é o que nos permite falar dun modelo propio, responsable e orientado ao interese xeral”.

MAPAS DE AFECCIÓNS E DE RECURSO EÓLICO

O acceso a materias primas críticas, así como a dispoñibilidade de enerxía e de solo industrial son os tres elementos clave da política industrial do Goberno galego, asegurou Lorenzana. Neste sentido, na súa intervención apuntou que a Xunta xa está a traballar na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico; concretamente, no mapa de afeccións e outro de recurso eólico. Ademais, volveu reclamar ao Goberno central que cambie a lexislación do sector, que modifique os procesos de desenvolvemento da rede e que aumente o investimento en Galicia.

Tamén se referiu ao labor de Recursos de Galicia e á recente adquisición do parque eólico Mondigo, nos concellos de Ribadeo, Trabada e Barreiros, que permitirá aos veciños da contorna reducir nun 80% a súa factura en consumo eléctrico. E, no tocante ao solo industrial, destacou que de aquí a 2030, a Xunta vai actuar sobre preto de 12 millóns de metros cadrados de superficie en toda Galicia, cun investimento de máis de 44 millóns de euros.

 

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia