Consellería de Economía e Industria
A Xunta identificou Galicia como destino estable e competitivo para a industria do futuro, no encontro de rexións Advanced Factories en Barcelona

- A directora do Igape, Covadonga Toca, remarcou a solidez da base industrial galega e subliñou o papel das políticas públicas no acompañamento ás empresas e na mellora da súa competitividade
- Sinalou como prioridade “industrializar a innovación” para trasladar os avances tecnolóxicos ao conxunto do tecido empresarial, en especial ás pemes
- Neste foro estatal de referencia en innovación industrial, a Comunidade galega foi distinguida xunto a outras rexións polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no encontro de rexións Advanced Factories 2026, unha das principais citas europeas sobre industria avanzada que se celebrou esta semana na localidade barcelonesa de L´Hospitalet de Llobregat. No marco deste foro, interveu na mesa `Rexións industriais en transformación: evolución e competitividade´, xunto a responsables doutras comunidades autónomas. Toca Carús destacou a solidez da base industrial galega, cun ecosistema innovador en expansión e forte capacidade exportadora. Neste contexto, subliñou o papel das políticas públicas no acompañamento ás empresas e na mellora da súa competitividade, así como a importancia de facilitar o acceso ao financiamento e impulsar a internacionalización.
Así mesmo, Galicia preséntase como un destino fiable para o investimento industrial, grazas á estabilidade institucional, á seguridade xurídica e á colaboración público-privada, factores clave para atraer e consolidar proxectos empresariais a longo prazo, enxalzou a directora do Igape na súa intervención.
No marco do encontro, Galicia foi recoñecida, xunto a outros territorios industriais, polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada. Finalmente, Covadonga Toca subliñou como prioridade “industrializar a innovación” para trasladar os avances tecnolóxicos ao conxunto do tecido empresarial, especialmente ás pemes.

























