Consellería de Economía e Industria
Rueda cita á corporación Hijos de Rivera “como exemplo dunha Galicia competitiva, innovadora, fiel ás súas raíces e comprometida co territorio”

- Na inauguración da nova sede da empresa na Coruña, o presidente da Xunta enxalzou á compañía por converterse “nunha parte moi importante” da identidade galega
- Alfonso Rueda citou medidas de impulso no eido empresarial e industrial, como o apoio a novos proxectos e tecnoloxías, os programas de axudas ou iniciativas en materia de cualificación, como as microformacións ou a FP Dual
- Recordou ademais que a Xunta xa iniciou proxectos para crear 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata o 2030, cifra que equivale ao total de superficie empresarial posta en marcha desde os anos 80
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nomeou á corporación Hijos de Rivera como exemplo dunha Galicia competitiva, innovadora, fiel ás súas raíces e comprometida co territorio. “É moi importante esa mensaxe de potencia, esa mensaxe de orgullo e esa mensaxe de que avanzamos xuntos que lanzades. E no noso gran ano, o Xacobeo 2027, queremos que nos acompañedes e queremos acompañarvos. Convertéstesvos nunha parte moi importante da nosa identidade”, sinalou durante a inauguración da nova sede da empresa na Coruña.
Neste acto, o titular do Executivo autonómico recordou que, exactamente hai un ano, inaugurábanse no parque empresarial de Morás, en Arteixo, as novas instalacións de Estrella Galicia: a fábrica máis grande de España e unha das máis importantes de Europa. Rueda remarcou que ambos fitos dan conta da boa marcha da empresa pero, moi especialmente, do seu compromiso con seguir crecendo desde Galicia para, desde o local, chegar ao resto do mundo.
Ao respecto, lembrou que esa é a mesma aposta do Goberno autonómico: construír unha Galicia moderna, innovadora e internacional, sen renunciar en ningún caso á identidade propia. Así, citou algunhas das medidas que está impulsando a Xunta no eido empresarial e industrial, como o apoio a novos proxectos e tecnoloxías, os programas de axudas ou iniciativas en materia de cualificación, como as microformacións ou a FP Dual: “Son consciente de todos os retos que hai por diante, do que hai que facer para que a Estrella Galicia e a moitas outras empresas galegas lles vaia ben. E imos acompañarvos en todos os retos que tedes”, apuntou o presidente da Xunta.
Así, fixo especial fincapé na aposta por poñer a disposición do tecido empresarial solo industrial, co obxectivo de que empresas como esta, ou outras novas, poidan instalarse e medrar en Galicia. Rueda lembrou que a Xunta xa iniciou proxectos para crear 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata o ano 2030: unha cifra que practicamente iguala o total de superficie empresarial que se puxo en marcha desde os anos 80.
Por último, agradeceu a todo o equipo de Hijos de Rivera o seu compromiso con Galicia e referiuse a un dos seus produtos máis coñecidos, a cervexa Estrella Galicia, como un emblema da Galicia Calidade dentro do país e, tamén, fóra das súas fronteiras: “Se a Estrella Galicia lle vai tan ben é porque se dá esa unión tan boa; os galegos presumimos da nosa Estrella e Estrella presume de ser galega”, sinalou. E rematou resaltando que desde o Goberno galego “seguiremos facendo todo o posible para que esteades aquí cómodos, para axudarvos e para seguir sentíndonos orgullosos”.


























