Consellería de Economía e Industria
A conselleira de Economía e Industria enxalza a próxima aprobación dunha partida de 14 millóns para impulsar a innovación, dixitalización e internacionalización das empresas galegas
-
Os apoios inclúen como novidade unha liña de 10,3 millóns para fomentar o uso da intelixencia artificial nos centros de traballo
-
Nunha visita ao centro loxístico da empresa familiar Krack, en Cerdedo-Cotobade, reafirmou o compromiso de “apoiar ao tecido empresarial para facilitar o máis rápido posible o solo industrial e facer as tramitacións máis sinxelas”
A Xunta aprobará proximamente unha partida de 14 millóns de euros para impulsar a innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo de Galicia, tal e como adiantou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no transcurso dunha visita ao novo centro loxístico da empresa familiar Krack en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).
Estes apoios incluirán como novidade unha liña de 10,3 millóns de euros para fomentar o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas empresas, unha ferramenta chave hoxe en día para gañar en produtividade e posicionarse no mercado internacional.
Durante a visita ao centro loxístico do grupo Krack, Lorenzana destacou o traballo conxunto do concello, da propia compañía e da Administración galega para que “esta nave loxística, crucial para todo o traballo de modernización e expansión que está a facer a empresa, sexa unha realidade desde hai máis dun ano”, subliñou.
Neste marco, a conselleira de Economía e Industria puxo en valor os apoios públicos que, segundo explicou “son necesarios para as empresas que queren seguir crecendo en Galicia e por iso imos seguir traballando coa Oficina Económica de Galicia e con eles neste proceso de expansión no que están inmersos”, asegurou.
Ademais manifestou que “cremos que este é o camiño, apoiar ao tecido empresarial para facilitar o máis rápido posible o solo industrial e facer as tramitacións máis sinxelas” co obxectivo de atraer investimentos e emprego a Galicia.