Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta pon en valor a conexión entre industria e emprendemento para fortalecer a competitividade da economía galega

  • Covadonga Toca, directora do Igape, subliñou na apertura do Mindtech Startup Event a aposta en Galicia polo talento innovador, con medidas de apoio que abarcan desde as fases iniciais ata a expansión internacional
  • Lembrou a liña de axudas, dotada con 1,5 millóns de euros, que permite cubrir o 100% dos gastos das startups galegas no seu arranque, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto
  • No evento de Mindtech, a feira industrial de Vigo, Toca Carús eloxiou o bo momento do sector metalúrxico galego, que sostén máis de 60.000 empregos e que en 2024 medrou un 3%, cunha ocupación produtiva superior ao 90%

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na apertura do Mindtech Startup Event, un encontro que reúne a emprendedores, investidores, empresas tractoras e representantes institucionais no marco da feira industrial Mindtech en Vigo e no que puxo en valor a importancia da conexión entre industria e emprendemento para impulsar a competitividade da economía galega. Toca Carús destacou a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Igape e Asime (Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia), unha alianza que se mantén desde 2019 e que deu lugar á consolidación do “Mindtech Startup Arena”, espazo expositivo que acolle aceleradoras, incubadoras e startups con alto contido tecnolóxico.

O Mindtech Startup Event céntrase nesta edición en cuestións clave para o crecemento das novas empresas tecnolóxicas, como son o financiamento en fases temperás, o escalado de proxectos, o ecosistema emprendedor e as finais do concurso de startups en tres categorías: proxecto máis disruptivo, innovación en sistemas enerxéticos e ambientais, e procesos dixitais aplicados á industria.

Neste escenario, a directora do Igape destacou que a Xunta reafirma a súa aposta polo emprendemento innovador cun conxunto de instrumentos de apoio que abranguen desde as fases máis iniciais ata a expansión internacional. Entre eles, citou a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para cubrir o 100% dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto.

Estas medidas, lembrou, compleméntanse coa rede de aceleradoras sectoriais Business Factory -BFAuto, BFFood, BFAero e BF Clima Tech-, que contarán este ano con novas incorporacións nos ámbitos da saúde, o deporte e as enerxías renovables. “Este modelo de acompañamento integral converte a Galicia nun territorio especialmente atractivo para emprender”, sinalou Covadonga Toca, quen insistiu en que “o emprendemento non é só unha estratexia económica, senón tamén unha forma de construír comunidade e futuro”.

CONEXIÓN CO SISTEMA EDUCATIVO

Na sua intervención no Mindtech Startup Event tamén se referiu ao bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3% e unha ocupación produtiva superior ao 90%. Este sector, segundo explicou, está a gañar peso en ámbitos de alto valor como a defensa, a aeronáutica e a eólica mariña, o que obriga a fortalecer a conexión co sistema educativo e atraer novo talento.

En paralelo, a internacionalización segue a ser unha das grandes apostas da Xunta. En 2024, Galicia acadou unha cifra récord de exportacións por valor de 31.019 millóns de euros, cun crecemento interanual do 12% en marzo de 2025. A directora do Igape enxalzou que os produtos exportados son de alto valor engadido -automoción, alimentación ou biotecnoloxía- e que os destinos se diversifican cada vez máis.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia