Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta activa unha liña de préstamos de ata 1 millón de euros por empresa para apoiar ás exportadoras a Estados Unidos afectadas pola imposición dos aranceis

  • Alfonso Rueda precisou que o prazo pode chegar aos 12 anos e a carencia a catro, o dobre do habitual no financiamento empresarial
  • O presidente da Xunta estima que o volume de préstamos para paliar os efectos da política arancelaria dos Estados Unidos acade os 10 millóns de euros neste exercicio
  • A nova liña está dirixida a empresas que acrediten un volume mínimo de exportacións ao mercado estadounidense por importe de 100.000 euros ou que representen máis do 10% das súas vendas
  • María Jesús Lorenzana avanzou a posta en marcha dun novo servizo de consultoría especializada, dentro do programa Reacciona, para acompañar ás empresas galegas na estratexia de diversificación comercial
  • A conselleira de Economía e Industria lembrou que desde abril a Xunta mantén encontros e “interlocución directa” cos sectores máis expostos á política arancelaria, como o naval, agroalimentación, biotecnoloxía, loxística, metalmecánica e materiais de construción

A Xunta de Galicia activa unha liña de préstamos de ata 1 millón de euros por empresa, cun prazo de ata doce anos e unha carencia de catro, “o dobre do habitual”, para apoiar ás compañías galegas afectadas polos arenceis dos Estados Unidos, anunciou o presidente Alfonso Rueda á finalización do Consello da Xunta desta semana. A nova modalidade intégrase na liña de financiamento empresarial en Galicia, cun orzamento global de 50 millóns de euros, e está deseñada para mitigar o impacto da política arancelaria estadounidense, reforzar a presenza internacional das empresas galegas e impulsar a súa capacidade competitiva fronte ás novas barreiras comerciais.

O Goberno galego calcula que o volume de préstamos solicitado ao abeiro desta liña poderá acadar os 10 millóns de euros durante o exercicio 2025, tendo en conta o peso das operacións comerciais cos Estados Unidos en 2024. A liña está dirixida a empresas con centros de traballo maioritariamente en Galicia, que acrediten un volume mínimo de operacións comerciais co mercado estadounidense igual ou superior a 100.000 euros, ou ben que superen o 10% das súas vendas.

O titular do Executivo galego sinalou que a posta en marcha deste instrumento financeiro compleméntase cun conxunto máis amplo de actuacións impulsadas pola Xunta no ámbito da internacionalización. Así, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, detallou que dentro do programa Reacciona, activarase un novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados, destinado a acompañar ás empresas na súa estratexia de diversificación. Ademais, xa está operativa unha oficina técnica de apoio, dependente da Oficina Económica de Galicia e en colaboración coa Antena do Igape en Miami, que ofrece atención personalizada e seguimento continuo da situación.

ENCONTROS SECTORIAIS

Lorenzana sinalou que desde o pasado mes de abril, a Xunta mantén un diálogo activo cos sectores económicos máis expostos á nova política arancelaria, con encontros sectoriais que abarcaron desde o agroalimentario ao naval, pasando pola biotecnoloxía, a loxística, o metalmecánico ou os materiais de construción. Esta interlocución directa co tecido produtivo galego está a permitir identificar as necesidades reais das empresas e adaptar as respostas institucionais aos retos do contexto internacional “nun momento de incertezas”.

Así, a conselleira apuntou que “é clave ter unha resposta coordinada desde o primeiro momento” e que con esta nova liña de préstamos e o resto de medidas postas en marcha, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co tecido empresarial galego e coa súa internacionalización, na procura de acadar novos mercados e seguir medrando e gañando competitividade. Mentres, Rueda lembrou que o Goberno estadounidense ten previsto aplicar aos países da Unión Europea un incremento do 50% ás taxas dos produtos importados a partir do vindeiro 9 de xullo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia