Consellería de Economía e Industria
A Xunta alertou na Conferencia Anual da Alianza de Rexións Automotrices, en Múnic, sobre o risco dunha paralise no sector en plena transición cara o vehículo eléctrico

- O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, demandou un enfoque integral sobre as emisións de CO2 para impulsar a renovación do parque automobilístico e evitar a deslocalización da cadea de valor
- Incidiu na flexibilización dos requisitos para os distintos segmentos de vehículos e usos, en especial nos de pequeno tamaño e nos comerciais lixeiros
- A Xunta reitera o seu compromiso coa descarbonización da industria automobilística e reclama un marco regulatorio europeo adaptado á realidade do mercado
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participou en Alemaña na Conferencia Anual da Alianza de Rexións Automotrices (ARA), onde alertou da complicada situación que está a atravesar a industria automobilística europea na transición cara o vehículo eléctrico e advertiu do risco dunha parálise no sector. Interveu na cuarta edición deste foro europeo, un encontro no que se asinou a “Declaración de Múnic” e na que Nicolás Vázquez advertiu das consecuencias da crise de demanda e perda de produción do mercado actual, dúas circunstancias que “están a poñer en perigo o emprego”, asegurou. Por iso, reclamou a Europa “pragmatismo ante a realidade actual, con solucións regulatorias que equilibren a transición ecolóxica, a realidade do mercado e o contexto global”.
Entre as propostas formuladas polo secretario xeral de Industria está a necesidade dun enfoque integral respecto da política de emisións de CO2 co obxecto de aproveitar o potencial dos combustibles renovables e neutros en carbono, con motores de combustión interna nos que Europa é líder. Tamén para fomentar a produción local na Unión Europea e evitar a deslocalización das cadeas de valor apoiando non só aos grandes fabricantes, senón tamén a toda a industria auxiliar.
Ademais, Vázquez solicitou a flexibilización dos requisitos para distintos segmentos de vehículos e usos, nos que os automóbiles eléctricos teñen maiores dificultades de penetración. Nomeadamente, nos vehículos de pequeno tamaño, polo seu elevado custo, e nos vehículos comerciais lixeiros, que presentan unha alta demanda en combustible diésel por mor do uso que teñen.
REGULACIÓN ADAPTADA AO MERCADO
Neste punto, o secretario xeral de Industria reiterou o compromiso do Goberno galego coa descarbonización da industria automobilística pero reclamou un marco regulatorio europeo adaptado á realidade do mercado para asegurar “un futuro próspero para a industria da automoción e unha mobilidade limpa e accesible para todos”.
Finalmente, volveu recalcar a necesidade de que a Comisión Europea conte coa opinión das rexións tanto nas políticas a adoptar como na xestión dos fondos europeos co fin de apoiar de xeito eficiente á industria ante os retos que se presentan por diante.


























