Consellería de Economía e Industria
A Xunta salienta que a Oficina Económica de Galicia constitúe unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o tecido produtivo

- A directora do Igape, Covadonga Toca, expuxo no Parlamento que esta “xanela única de atención centralizada” está a ser un referente nos obxectivos de desburocratizar, simplificar e acompañar ás empresas en tempo real
- Precisou que no primeiro ano de funcionamento, a Oficina Económica atendeu máis de 26.800 consultas, das que o 84% se resolveron no acto, levou a cabo preto de 1.300 reunións de asesoramento e está a acompañar máis de 330 proxectos de especial relevancia
- Covadonga Toca indicou a próxima apertura dun punto permanente de atención en Madrid, na Casa de Galicia, orientado a empresas galegas que operan na capital e a investidores interesados en proxectos no territorio galego
- A Oficina vén de reforzar a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en Estados Unidos, China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, mercados de especial relevancia para Galicia
- Como novidades, a directora do Igape citou a incorporación de novos servizos especializados, como o climate proofing, e os Grupos de Traballo con Empresas, pioneiros para coordinar proxectos de gran envergadura
A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu no Parlamento para dar conta do traballo que está a desenvolver a Oficina Económica de Galicia, un instrumento que, como subliñou, é xa unha realidade consolidada que “representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo”. Neste sentido, Toca Carús sinalou que a Oficina foi concibida como unha “xanela única de atención centralizada”, nacendo co obxectivo de desburocratizar, simplificar e acompañar ás empresas en tempo real, e ofrecendo itinerarios completos que inclúen asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos.
Ademais precisou que, no primeiro ano de funcionamento, a Oficina atendeu máis de 26.800 consultas, das que o 84% se resolveron no acto, e levou a cabo preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial. Así mesmo, a Oficina está a acompañar máis de 330 proxectos de especial relevancia. Deste xeito, a directora do Igape afondou que os datos confirman “unha Administración próxima, áxil e útil, valorada polas empresas cunha nota media superior a 4,8 sobre 5”.
Durante a súa intervención no Parlamento, expuxo que a estrutura da Oficina baséase en cinco piares: un espazo físico diferenciado e accesible, a transformación tecnolóxica con ferramentas dixitais avanzadas, un equipo humano especializado, a coordinación interdepartamental e unha estratexia de comunicación clara e directa. Todo isto, continuou a directora, compleméntase cunha rede de expertos externos en ámbitos como financiamento, enerxía, innovación ou sustentabilidade, e con programas como o Reacciona, que ofrecen apoio en competitividade, internacionalización e dixitalización.
PUNTO PERMANENTE EN MADRID
Toca Carús salientou tamén o proceso de expansión da Oficina, que en vindeiras datas contará cun punto permanente en Madrid, situado na Casa de Galicia, pensado tanto para empresas galegas que operan na capital como para investidores interesados en proxectos no territorio galego. Ademais, reforzouse a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en Estados Unidos, China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, que facilitan contactos, identifican oportunidades e acompañan a internacionalización empresarial.
Neste contexto, puxo en valor o papel que está a xogar a Antena de Miami para “protexer ás empresas galegas” nun mercado marcado pola nova política arancelaria. Fronte a ela, lembrou, estase a despregar un paquete de medidas que inclúe asesoramento personalizado, axudas ás compañías máis expostas e o impulso á diversificación de mercados adaptando as estratexias de exportación.
GRUPOS DE TRABALLO CON EMPRESAS
Outra das novidades, proseguiu a directora do Igape no Parlamento, é a incorporación de novos servizos especializados, como o climate proofing, que integra a adaptación ao cambio climático no deseño dos proxectos de infraestruturas, ou os Grupos de Traballo con Empresas, metodoloxía pioneira para coordinar proxectos de gran envergadura que requiren longa execución e atención continua. Así mesmo, e no ámbito financeiro, reforzouse a colaboración co sistema bancario para ofrecer financiamento adaptado.
O impacto desta estrutura vese xa no impulso a proxectos tractores en sectores como a automoción, o naval, a enerxía renovable, a economía circular, as TIC, a biotecnoloxía, o turismo ou o contract. Estes proxectos, salientou Covadonga Toca, “tradúcense en emprego cualificado, novas plantas produtivas e oportunidades para que a mocidade galega atope futuro aquí”. Ademais, grazas ás novas figuras de solo como as Zonas Industriais Rurais (ZIR) e as ZAPES, facilítase a implantación de industria en concellos pequenos, contribuíndo ao equilibrio territorial e á loita contra a despoboación.
“A Oficina Económica resolve, facilita e conecta; transmite unha mensaxe clara: a Xunta de Galicia está aquí para escoitar, apoiar e impulsar. Quen aposta por Galicia, sabe que Galicia aposta por el”, concluíu a directora do Igape.

























