Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A ampliación do parque empresarial de Carballiño-Maside, xa en tramitación ambiental, aumentará en 2,5 veces a superficie actual

  • Con esta actuación crearanse 886.500 metros cadrados de solo industrial nun recinto esgotado no que tan só hai unha parcela dispoñible
  • Enmárcase no obxectivo do Goberno galego de acelerar e intensificar a oferta de solo a disposición das empresas en concellos e comarcas con posibilidades de continuar co desenvolvemento económico
  • A Xunta ten en marcha outras catro actuacións en parques empresariais da provincia de Ourense: as ampliacións en San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar e as obras de urbanización en Xinzo de Limia

A Consellería de Economía e Industria acaba de remitir á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa tramitación ambiental o borrador do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE) do parque empresarial de Carballiño-Maside, que afecta a estes dous municipios da comarca do Carballiño (Ourense) e que prevé crear 886.478 metros cadrados de solo para uso industrial. Este proxecto conta con dúas zonas de actuación diferenciadas, xa que está localizado en dous municipios en ámbitos lindeiros entre eles. A primeira supón unha ampliación do actual parque empresarial do Carballiño ata o suroeste; e a segunda desenvólvese integramente no concello de Maside, ao sueste da estrada OU-504.

O acceso viario ao novo parque empresarial farase a través dun enlace a distinto nivel desde a estrada OU-504, no caso do sector de Maside; mentres que no caso de O Carballiño empregaranse as conexións do parque xa existente. A localización deste novo polígono é estratéxica para toda a comarca, xa que está próxima ao acceso da autovía AG-53, que une a Autovía das Rías Baixas con Santiago de Compostela e a AP-9.

O borrador do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) que agora se remite á aprobación ambiental prevé crear 886.478 metros cadrados de solo industrial, dos que 517.710 son de superficie útil. Desde xeito, a Xunta, a través de Xestión do Solo de Galicia – Xestur, multiplicará por 2,6 a superficie do parque actual, que conta con 341.395 metros cadrados, e que está practicamente esgotado, xa que tan só hai unha parcela dispoñible.

O obxectivo do Goberno galego é tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas, como é o caso do Carballiño, onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais e intentando acompañar ao tecido produtivo.

ACTUACIÓNS EN CINCO PARQUES OURENSÁNS

No caso da provincia de Ourense, a Xunta ten en marcha diversas actuacións en cinco parques empresariais para ampliar a dotación de solo industrial para as empresas. Ademais do polígono de Carballiño-Maside, está a executar as obras de urbanización de Xinzo de Limia e a tramitación dos proxectos de ampliación de San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia