Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana reclama ao Goberno central unha regulación estatal de repotenciación eólica similar á de Galicia: “Sensata e economicamente viable”

  • A conselleira de Economía e Industria enxalza que a Comunidade, que “xa foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica”, tamén o está a ser agora “ao abrir o debate da repotenciación a nivel nacional”
  • Considera “incoherente” o recurso presentado polo Goberno contra o novo modelo eólico de Galicia e a normativa de repotenciación, e pídelle que o retire
  • Coa repotenciación planificada en Galicia, en dez anos retiraríanse da paisaxe galega 2.000 aeroxeradores duns 98 parques e habería menos de 700 muíños, detalla Lorenzana.
  • Incide en que cunha redución do 80% no número de aeroxeradores instalados lograríase un 35% máis de enerxía eléctrica procedente de fontes eólicas
  • “É necesario que os cidadáns entendan que non é suficiente a enerxía eléctrica que agora mesmo se está producindo”, xa que electrificar a industria e os consumos require “que se acompañe de máis produción de enerxía eléctrica verde”, argumenta a conselleira

A conselleira de Economía e Industria volveu demandar ao Goberno central que retire o recurso de inconstitucionalidade que presentou contra a normativa da repotenciación eólica en Galicia e pediu unha regulación estatal que vaia en consonancia coa aprobada pola Xunta: “Sensata e economicamente viable”. Na clausura da xornada `Repotenciar Galicia: enerxía, territorio e futuro´, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables (Cluergal), María Jesús Lorenzana enxalzou que “podemos congratularnos de que Galicia, que xa foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica, tamén o está a ser ao abrir o debate da repotenciación a nivel nacional”.

No transcurso da súa intervención na xornada de Cluergal explicou que as medidas de repotenciación da Xunta son flexibles para determinados casos. Segundo dixo, tense en conta a amortización das operacións que se fixeron no momento inicial e, aínda que a repotenciación é obrigatoria a partir dos 25 anos, pode chegar a estenderse ata os 30. Ademais, puntualizou que a normativa galega prevé especificamente que se poida xustificar por razóns ambientais que non se faga unha repotenciación ou que se empreguen tecnoloxías distintas ás clásicas por ser máis favorable desde o punto de vista ambiental, económico e tecnolóxico.

A conselleira considerou “incoherente” o recurso presentado polo Goberno contra o novo modelo eólico de Galicia e as medidas de repotenciación que, de poder levarse a cabo, indicou, suporían que nun período de dez anos se puidesen retirar da paisaxe galega en torno a 2.000 aeroxeradores duns 98 parques que agora mesmo teñen 20 anos ou máis, e deixar menos de 700 muíños. Unha redución dun 80 por cento, precisou, que producirían sobre un 35 por cento máis de enerxía eléctrica.

“Estou convencida de que en Galicia imos conseguir ter un modelo eólico que vai dar beneficios suficientes para todos, e sobre todo que vai ser economicamente viable e socialmente aceptado. Ese é o traballo que temos por diante”, subliñou Lorenzana, quen se amosou partidaria de facer pedagoxía. “É necesario que os cidadáns entendan que non é suficiente a enerxía eléctrica que agora mesmo se está producindo. Se estamos tratando de electrificar a industria e os consumos é preciso que a electrificación se acompañe de máis produción de enerxía eléctrica verde”, matizou.

BORRADOR DO PLAN EÓLICO EN 2026

Na súa intervención, asegurou que este novo modelo eólico no que está traballando a Xunta de Galicia, “con independencia da situación xudicial na que se atopen os parques xa tramitados”, parte do futuro plan sectorial eólico, do que en 2026 haberá xa un primeiro borrador e unha base cartográfica, avanzou, ademais das súas mesas que se van celebrar co diálogo social e cos empresarios.

Xunto con isto, tamén lembrou que a Lei de recursos naturais é o marco de actuación, e prevé, nese sentido, que o 50 por cento da enerxía dos novos parques eólicos ten que repercutir no tecido produtivo galego e nos fogares, que é polo que tamén está traballando Recursos de Galicia para conseguir prezos da enerxía máis baratos.

“Temos que ser quen de trasladar aos cidadáns que a eólica é boa”, manifestou, para concluír: “A Xunta de Galicia non vai renunciar de ningunha maneira ao despregamento eólico na Comunidade; cremos que é absolutamente estratéxico e, ademais, estamos convencidos de que é posible facer un desenvolvemento eólico que sexa socialmente xusto e economicamente rendible, porque se non, non tería ningún sentido”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia