Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Galicia busca situarse á vangarda no desenvolvemento, uso e xeración de coñecemento nas novas tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos

  • O nodo Conectivi.gal, iniciativa público-privada, establece tres grupos de traballo que estarán centrados na capacitación e retención de talento dixital, en dinamizar o despregamento no sector privado e na mellora da conectividade nas Administracións públicas
  • Forman parte do proxecto as tres universidades públicas de Galicia, as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange, e a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia
  • A Cidade da Cultura acolleu a primeira comisión de seguimento desta estrutura, que é unha evolución do Nodo de Cooperación 5G

O nodo Conectivi.gal, iniciativa público-privada para adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia, celebrou a súa primeira comisión de seguimento, presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño. No encontro establecéronse tres grupos de traballo que centrarán as súas actuacións en tres áreas prioritarias: a capacitación e a retención de talento dixital, a dinamización do despregamento destas tecnoloxías no sector privado e a mellora da conectividade nas Administracións públicas. Ademais, prevese a constitución dun Comité de Persoas Expertas que prestará asesoramento técnico aos grupos e á propia comisión, reforzando así a gobernanza e a orientación estratéxica do nodo.

O nodo Conectivi.gal é unha evolución do Nodo de Cooperación 5G, que se creou en 2018 para impulsar o desenvolvemento desta tecnoloxía na Comunidade galega, onde o despregamento das redes de telecomunicación sen fíos adquire especial relevancia polas dificultades orográficas e a dispersión da poboación.

As necesidades de conectividade creceron exponencialmente e esténdense a todo tipo de dispositivos, que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos, con tecnoloxías como o internet das cousas.

Hoxe dispoñemos de tecnoloxías adaptadas a eses novos dispositivos, (como NB-IoT, LoraWan ou Wifi Halow), e Galicia quere adoptar o mesmo criterio que no seu momento tomou co 5G: o de situarse á vangarda do seu desenvolvemento, fomentar o seu uso e aplicación e xerar coñecemento en torno a estas tecnoloxías. Adaptalas ás necesidades específicas de Galicia é precisamente o obxectivo do nodo Conectivi.gal, que está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da consellería de Economía e Industria.

Forman parte do nodo as tres universidades públicas de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo); as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange; e a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia