Consellería de Economía e Industria
A proposta da nova planificación eléctrica que prepara o Goberno central non cobre todas as expectativas da Xunta, pola exclusión industrial de Lugo

- A conselleira de Economía e Industria afirma que nas provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense atende as demandas do Goberno galego, mentres que en Lugo a rede de transporte de enerxía “non se reforza en ningún punto nin zona para o consumo industrial”
- María Jesús Lorenzana advirte que a consecuencia para Lugo será que “durante o tempo que dure esta planificación non se poderá instalar ningunha mediana ou grande industria na provincia”, o que equivale a excluíla “do mapa industrial dos vindeiros anos”
- Pero a conselleira xa avanza que “o Goberno de Galicia vai seguir loitando para que Lugo poida ter un futuro económico e industrial”
- Lorenzana reuniuse en Madrid co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, e con responsables de Red Eléctrica Española (REE), para abordar a proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosouse “razoablemente satisfeita” coa proposta da nova planificación eléctrica que prepara o Goberno central, se ben, lamentou que condene á provincia de Lugo e a saque do mapa industrial dos vindeiros anos. Lorenzana, acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, mantivo en Madrid unha reunión co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, e con responsables de Red Eléctrica Española (REE), para abordar a proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030.
Á espera de coñecer o borrador completo, dixo, “en Galicia podemos dicir que estamos razoablemente satisfeitos co resultado da reunión para unha boa parte do territorio e, en concreto, para tres provincias que son A Coruña, Pontevedra e Ourense, onde se reforzan as distintas posicións e as distintas zonas que foron solicitadas polo Goberno de Galicia practicamente na súa totalidade”, subliñou a conselleira.
“Estamos satisfeitos de que toda a zona da cidade da Coruña e a Autoridade Portuaria, xunto coa zona de Ferrol, vaia ser reforzada, e de que tamén se poida dar saída á enerxía producida pola meirande parte das centrais renovables na zona de Ourense, así como polos reforzos para as zonas de transición xusta, As Pontes e Meirama”, abondou.
EXCLUSIÓN INDUSTRIAL DE LUGO
Non obstante, Lorenzana amosou a súa “tristeza” por “que se saque do mapa industrial unha provincia como é a de Lugo, posto que non se reforza en ningún punto, en ningunha zona para o consumo industrial”, argumentou. Isto significa, proseguiu, que “durante o tempo que dure esta planificación non se poderá instalar ningunha mediana ou grande industria nesta provincia ao non ser reforzada e non existir potencia eléctrica para iso”, lamentou.
“É a única provincia que non sae reforzada e está condenada e sacada do mapa industrial para os próximos anos”, remarcou, para garantir que “o Goberno de Galicia vai seguir loitando para que Lugo poida ter un futuro económico e industrial”, aínda que a realidade, enfatizou, “é que tendo en conta as conexións eléctricas que agora mesmo ten, non é unha posibilidade para que ningunha empresa de mediano ou gran tamaño se poida instalar nesta provincia”.

























