Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta deu a coñecer en Xapón iniciativas como a desburocratización para converterse en polo de atracción de investimento industrial

  • A conselleira de Economía e Industria pechou a súa viaxe ao país con encontros na Oficina Comercial de España e na Antena do Igape
  • María Jesús Lorenzana enxalzou que todo proxecto con interese por instalarse en Galicia “vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”

A viaxe empresarial e institucional a Xapón da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, rematou cunha visita á Oficina Comercial de España no país, onde ratificou o obxectivo da Xunta de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial. Nunha xuntanza co conselleiro económico e comercial xefe, Gonzalo Ramos, Lorenzana abordou a política económica e industrial que está a desenvolver Galicia, baseada, fundamentalmente, na desburocratización para atraer investimentos en áreas clave como as enerxías renovables.

Ao respecto puxo en valor a función da Oficina Económica de Galicia como un órgano interlocutor do Goberno galego coas empresas, tamén do eido internacional, encargado de seguir de cerca as necesidades do tecido empresarial e de prestar un servizo de asesoramento personalizado e integral.

Nese sentido, a titular de economía e industria apuntou que “todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, unha das premisas que quixo poñer de manifesto en cada unha das xuntanzas que mantivo durante a súa estadía en Xapón.

Finalmente, Lorenzana non quixo marchar de Xapón sen coñecer a Antena do Igape no país nipón, onde aproveitou para felicitar ao persoal polo bo traballo que están a realizar apoiando as iniciativas de internacionalización das empresas galegas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia