Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Xapón acolleu a primeira presentación internacional da Oficina Económica de Galicia, polo valor estratéxico do mercado asiático para as empresas galegas

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro en Tokio con membros da Japan External Trade Organization (Jetro), o organismo gubernamental que promove o comercio e o investimento no exterior
  • Tras a visita a Jetro, Lorenzana destacou que “existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo”, que considera clave para Galicia
  • Presentou a Oficina Económica como “porta de entrada única” para todos os investidores asiáticos que queiran establecerse na Comunidade coas vantaxes “dun mercado confiable e dun Goberno estable que apoia ás empresas”
  • A conselleira puxo en valor a presencia en Galicia que xa acreditan compañías niponas da talla de Denso Sistemas Térmicos (Vigo), Toyota (Vigo), NTT Data (A Coruña), Fujitsu (Santiago) e as pesqueiras Europacífico (Vigo), Nissui Corporation e Wadayku Europe (O Porriño), e proxectos de futuro como os de Univergy Solar (Vigo), Resonac (A Coruña) e Sojitz Corporation (A Coruña)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou por primeira vez fóra de España a Oficina Económica de Galicia nun encontro mantido en Tokio con membros da Japan External Trade Organization (Jetro), un organismo gubernamental que traballa para promover o comercio e o investimento mutuo entre Xapón e o resto de países. Lorenzana explicou que a Xunta decidiu que a presentación internacional desta oficina se realizase en Asia porque este mercado “ten un valor estratéxico clave” para as empresas galegas. Así, precisou que as exportacións totais de Galicia ao continente asiático en 2024 acadaron os 1.075 millóns de euros e, no primeiro semestre deste ano, xa rexistran un incremento do 5,3% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior. No caso concreto de Xapón, apuntou que en 2024 foi de 122 millóns de euros o valor do exportado desde Galicia a ese país que, nos primeiros seis meses de 2025, xa creceu un 30% en relación ao pasado ano nas transaccións do comercio exterior galego.

Neste contexto, a conselleira indicou que a xuntanza coa organización Jetro serviu para expoñer as oportunidades que agora mesmo existen de investir en Galicia e todas as vantaxes que ofrece a Oficina Económica como “porta de entrada única” para todos os investidores que queiran establecerse na Comunidade. Así, destacou a axilidade administrativa, o financiamento, o acceso a solo industrial, a política de abaratamento da enerxía e o binomio industria-enerxía, “para que os investidores xaponeses atopen en Galicia un mercado confiable e un Goberno estable que apoia as empresas”, subliñou.

“Constatamos que existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo, que para nós, para Galicia, é clave”, afirmou María Jesús Lorenzana. Polo tanto, proseguiu, o obxectivo é “seguir establecendo contactos e fortalecendo as relacións institucionais e empresariais cun país e con todo o continente asiático que, estamos convencidos, pode ofrecer moitas posibilidades de crecemento e expansión para a economía galega”, dixo.

Ademais apuntou que Xapón, a cuarta economía mundial, pasou de ser o 31º destino das exportacións galegas en 2019 a ser o 29º no 2024 con 122 millóns de euros e un total de 155 empresas exportadoras das que case a metade, o 44,5%, xa opera no país de forma regular. Segundo indicou, Xapón é un destino moi prometedor para a economía e as empresas galegas, especialmente en sectores como a automoción -a súa tecnoloxía e compoñentes-, o alimentario ou a industria química, os que rexistran un maior índice de exportacións ao país nipón.

COMPAÑÍAS XAPONESAS EN GALICIA

Do mesmo xeito, a titular de Economía e Industria puxo en valor que xa son varias as empresas xaponesas instaladas en Galicia, de sectores diversos, entre as que destacan: Resonac (A Coruña), que vai producir grafito para baterías de coches eléctricos; Denso Sistemas Térmicos (Vigo), de compoñentes de automoción; NTT Data (A Coruña), especializada en tecnoloxías dixitais; Fujitsu, vinculada ao Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago (Cesga); as pesqueiras Europacífico Alimentos del Mar (Vigo), de Nissui Corporation e Wadayku Europe (O Porriño); Univergy Solar, que conta coa aprobación para crear unha estación pública de hidróxeno verde no porto de Vigo; Sojitz Corporation, que participa no proxecto de hidróxeno verde H2Pole en colaboración con Reganosa na Coruña; ou Toyota, a través dos modelos Proace da marca xaponesa que fabrica Stellantis Vigo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia