Consellería de Economía e Industria
Elawan Energy, do grupo xaponés Orix Corporation, opta á instalación de tres parques eólicos mariños de 500 MW fronte á costa de Lugo e A Coruña

- A conselleira de Economía e Industria reclamou desde Xapón ao Goberno de España a convocatoria das poxas de eólica mariña e o reforzo da rede de transporte eléctrico para que a enerxía producida en Galicia poida chegar a fogares e empresas
- Resaltou que a parálise á que o Goberno está sometendo ao sector en España “é contraproducente á hora de captar novos proxectos de investimento que poden xerar riqueza na Comunidade”, como o que promove Elawan Energy
- María Jesús Lorenzana tamén se reuniu en Tokio con representantes de Fujitsu Limited, compañía que colabora con Galicia no despregamento da computación cuántica e que mostrou interés en coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo aprobada recentemente polo Goberno galego
- Nunha posterior recepción institucional na Embaixada de España en Xapón, a conselleira defendeu seguir fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático, mercado ao que cada vez exporta de forma regular unha porcentaxe maior de empresas galegas
- No acto na Embaixada española de Tokio participaron empresas galegas con traxectoria no país, como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou desde Xapón ao Goberno de España a convocatoria das poxas de eólica mariña e o reforzo da rede de transporte eléctrico para que a enerxía producida en Galicia poida chegar a fogares e empresas. Lorenzana reuniuse nesta xornada con responsables da División de Enerxía e Medio Ambiente da empresa xaponesa Orix Corporation, a quen lles trasladou o interese do Goberno galego por atraer cara a Galicia investimentos en proxectos de enerxía renovable como a eólica mariña.
Orix Corporation é un grupo empresarial que opera en España a través da súa filial Elawan Energy, con sede en Madrid e presente en 15 países de Europa e América, especializada en todo o ciclo de vida das renovables, fundamentalmente eólica, fotovoltaica e hidroeléctrica.
Tal e como informou a conselleira, Elawan é unha das empresas que quere optar a instalar tres parques eólicos mariños (495 MW cada un) fronte á costa galega (en concreto, fronte á costa de Lugo e A Coruña), para o cal xa presentou os respectivos proxectos ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. “É coñecedora, polo tanto, do recurso do que dispón Galicia e do noso potencial industrial para conseguir pechar a cadea de valor deste sector, que é ao que aspiramos”, sinalou Lorenzana.
Neste contexto, e acompañada polo embaixador de España en Xapón, Íñigo de Palacio, a conselleira de Economía e Industria aproveitou para poñer de manifesto que a parálise á que o Goberno está sometendo a este sector en España “é contraproducente á hora de captar novos proxectos de investimento coma este, que poden xerar riqueza na Comunidade. Segundo precisou, xa con tres anos de atraso aínda está pendente de convocar a primeira poxa de eólica mariña “na que Galicia quere e ten que estar”, lembrou.
“Apostar polas renovables é apostar pola diversificación industrial e por unha enerxía limpa e máis barata para fogares e empresas, que é o obxectivo do Goberno galego”, concluíu no transcurso do seu encontro en Tokio con directivos de Orix Corporation.
Na mesma xornada, a conselleira tamén tivo oportunidade de reunirse con representantes de Fujitsu Limited, compañía que colabora con Galicia no despregamento da computación cuántica e que, segundo indicou, “está interesada en todo o desenvolvemento de distintos tipos de tecnoloxías de seguridade e defensa” en España.
Así, Lorenzana apuntou que a compañía amosou o seu interese por coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo aprobada polo Goberno galego para os vindeiros cinco anos, e que prevé unha mobilización de 900 millóns euros. “Consideramos que a Estratexia pode ser unha oportunidade para que Fujitsu poida desenvolver novos proxectos tecnolóxicos en colaboración con outras empresas que agora mesmo xa están traballando para presentar as súas propostas” no marco deste programa, asegurou a conselleira.
Lorenzana tamén lles explicou a política enerxética do Goberno galego vinculada aos recursos naturais para abaratar a enerxía a empresas e sectores estratéxicos que desexen instalarse en Galicia, e constatou o interese da compañía por investir en intelixencia artificial e proxectos de ciberseguridade para pemes.

RECEPCIÓN NA EMBAIXADA DE XAPÓN
O último acto institucional do día consistiu nunha recepción na Embaixada de España en Xapón, encontro no que tamén participaron empresas galegas establecidas no país, como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia. A todas elas, a conselleira trasladoulles todo o apoio do Goberno galego para seguir estreitando as relacións económicas entre Galicia e Xapón e para atopar novas oportunidades de negocio e expansión nese mercado.
Neste mesmo acto avogou precisamente por seguir fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e Xapón; un destino, dixo, ao que cada vez exporta de forma regular unha porcentaxe maior de empresas galegas. Así, destacou que de xaneiro a xuño de 2025 foron 155 as empresas galegas que exportaron ao país nipón, cun 44,5%, case a metade, que o fai xa de forma regular. Isto significa que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, ao pasar do 38% en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69 empresas).
Por sectores, o principal nicho exportador é o da automoción, que en 2024 mobilizou 59,9 millóns de euros e, ata xuño deste ano, 36,6 millóns. É un sector que, entre 2019 e 2023 rexistrou un aumento do 613%, o que o converte nun dos que acadou un maior crecemento. Síguelle o da alimentación, con 33,5 millóns de euros en 2024 e 15,6 millóns nos seis primeiros meses deste ano. E, en terceira posición, está o sector das industrias químicas que, precisamente, rexistrou un pico exportador en 2024 (5,8 millóns), un 68,1% superior a 2023.

























