Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana considera un fito “cultural, comercial e económico” a participación de Galicia, cun día de honra, na Exposición Universal de Osaka 2025

  • A conselleira de Economía e Industria asegurou no inicio da súa xira ao Xapón que “a estabilidade e a eficiencia” constitúen o mellor aval do Goberno galego para atraer investimentos
  • Confía no fortalecemento das relacións comerciais entre ambas economías, creando en Xapón un marco de expansión para as empresas galegas e en Galicia de atracción de proxectos promovidos desde o país asiático
  • En plena semana de Galicia na Expo de Osaka, María Jesús Lorenzana tamén visitará Tokio para manter varios encontros empresariais
  • A titular de Economía e Industria da Xunta subliñou na súa intervención no Día de Honra de Galicia o incremento de turistas e de peregrinos xaponeses que fan o Camiño de Santiago, preto de 1.500 en 2024 e 1.144 no que vai de ano

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu nos actos de celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025, onde reivindicou a estabilidade e a eficiencia como o mellor aval do Goberno galego para atraer investimentos. “Hai unha cousa que nos une, e é o interese institucional tanto aquí, en Xapón, como en Galicia, por captar investimento estranxeiro”, dixo Lorenzana na súa intervención, na que recoñeceu que a participación de Galicia nesta feira é “un fito que vén reforzar un pouco máis os lazos culturais, comerciais e económicos entre Galicia e Xapón”.

“Se hoxe estamos aquí, na primeira parada dunha viaxe que estes días nos vai levar a visitar, tamén, Tokio cunha axenda de encontros empresariais é, xustamente, porque queremos seguir traballando para que isto sexa así: que as relacións comerciais entre Galicia e Xapón sexan cada vez máis sólidas”, resaltou a titular de Economía e Industria. “Fortalecer os vínculos económicos e a atracción de investimentos a Galicia, dentro dun ciclo exportador boísimo para a Comunidade autónoma no que facilitar as exportacións das nosas empresas a este país”, dixo.

O obxectivo, engadiu, é “que as empresas galegas atopen aquí un mercado onde poder expandirse e abrir novas vías de negocio. E, por suposto, tamén á inversa: que Xapón atope en Galicia un lugar, unha Administración e un Goberno que ten as portas abertas a todo proxecto de investimento interesado en instalarse alí”, remarcou.

No eido do sector turístico, a conselleira lembrou que o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, Patrimonio da Humanidade, están irmandados desde 1998. E tamén as cidades de Santiago de Compostela e Tanabe; e as localidades de Padrón e Shingu, ao pé de ambas as dúas rutas.

AUXE DE TURISTAS E PEREGRINOS XAPONESES EN GALICIA

Segundo precisou María Jesús Lorenzana, máis de 11.000 turistas xaponeses visitaron Galicia o pasado ano, un 5% máis con respecto a 2023. E o mesmo ocorre co Camiño de Santiago: en 2024 seláronse 1.473 compostelas de peregrinos procedentes de Xapón, un 8,4% de incremento con respecto ao ano anterior; e no que levamos de 2025, xa son 1.144, un 7% máis en relación a 2024.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia