Consellería de Economía e Industria
A oferta de solo empresarial en Galicia crecerá en 12 millóns de metros cadrados no período 2026-2030, co foco nas zonas con alta demanda de parcelas

- O Consello da Xunta autorizou unha trintena de actuacións nas catro provincias, ás que o Goberno galego destinará máis de 440 millóns de euros
- Alfonso Rueda detallou que a Comunidade galega conta na actualidade con 4.018 parcelas públicas, das que só están dispoñibles unhas 350
- Entre as novidades do novo sistema de acceso ao solo empresarial están a oferta pública permanente, de maneira que os terreos que non se vendan pasarán a estar ofertados todo o ano, e a adxudicación directa
- Haberá prioridade para as zonas con demanda real, potencial e capacidade para atraer proxectos tractores vinculados á nova política industrial galega
- Para este ano xa está prevista a disposición de novo solo no parque empresarial de Morás (Arteixo), no polígono de As Gándaras (Lugo) e no parque de Xinzo de Limia
- No período 2026-2029 comezarán as obras para a ampliación de oferta en polos como Lalín, A Estrada, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Carballo, Palas de Rei, Xove e Poio-Fragamoreira, entre outros
O Consello da Xunta autorizou habilitar preto de 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial en Galicia no período 2026-2030, a través dunha trintena de actuacións ás que se destinan máis de 440 millóns de euros e que se centrarán “nas zonas con alta demanda”, precisou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. O obxectivo é dispoñer dunha oferta de solo máis competitiva, equilibrada e adaptada ás necesidades do tecido produtivo, así como de favorecer a captación de novos investimentos. Así se desprende dun informe analizado na reunión do Consello sobre o desenvolvemento de solo empresarial en Galicia e medidas adoptadas pola Xunta para dinamizar a súa comercialización e favorecer a implantación de novas empresas nos próximos anos.
O documento reflicte a nova política de solo empresarial deseñada polo Goberno galego que pasa a concibirse como unha política industrial activa e non só patrimonial, para o que a Xunta adapta a comercialización do solo á realidade de cada parque empresarial e ás necesidades das empresas. O novo modelo prioriza a ocupación efectiva das parcelas e a creación de actividade económica real, de maneira que o solo empresarial se integra coa planificación enerxética, loxística e industrial. Deste xeito, Galicia reforza a súa capacidade para captar proxectos industriais estratéxicos e facilitar ampliacións empresariais.
Por provincias, 4,2 millóns de metros cadrados executaranse na provincia da Coruña, cun investimento estimado de 111,6 millóns de euros; 1,6 millóns de m² en Lugo, para os que se prevé destinar 68 millóns de euros; máis de 2,7 millóns de m² en Ourense, para os que están reservados 126,1 millóns de euros; e arredor de 3,2 millóns de m² en Pontevedra, que contan cun orzamento de 138,6 millóns de euros.
Nos últimos anos, a Xunta promoveu un total de 11.181.587,90 m² distribuídos en 4.018 parcelas públicas, cifra que reflicte o esforzo público realizado para dotar a Galicia de espazos destinados á actividade económica e industrial. Con todo, Rueda lembrou que na actualidade só están dispoñibles “unhas 350 parcelas”, razón pola que o Goberno galego pon en marcha esta nova estratexia de xeración e comercialización de solo baseada nunha dobre perspectiva: ben promovendo a planificación, tramitación e execución de solo onde hai demanda, potencial ou capacidade para acoller proxectos tractores; ou ben impulsando a posta no mercado do solo xa dispoñible mediante prezos bonificados, fórmulas de acceso adaptadas ás necesidades das empresas e procedementos que permitan responder con maior axilidade á demanda real.
MORÁS, AS GÁNDARAS E XINZO DE LIMIA
Deste modo, Xestur, dependente da Consellería de Economía e Industria, está a impulsar unha trintena de actuacións que se encontran en distintos graos de desenvolvemento: desde a tramitación de novos plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (Peose), ata proxectos en tramitación, obras xa licitadas, en execución, ou xa rematadas pero pendentes de recepción. Tanto polo número de actuacións como pola superficie incorporada, a carteira actual inclúe ámbitos xa moi avanzados, que permitirán poñer solo á disposición das empresas en curto prazo, e tamén actuacións de maior percorrido temporal, necesarias para asegurar a dispoñibilidade de solo empresarial no horizonte 2026-2030.
Así, Alfonso Rueda explicou que ao longo deste ano prevese a posta á disposición de novo solo no parque empresarial de Morás, na localidade coruñesa de Arteixo; no polígono de As Gándaras, en Lugo, en concreto nas fases IV, V e VIIA; e no parque de Xinzo de Limia, en Ourense. E entre 2026 e 2029 está previsto que comecen as obras de novas actuacións en polos empresariais como Lalín, San Cibrao das Viñas, Carballo, A Estrada, Palas de Rei, Xove, Pereiro de Aguiar ou Poio-Fragamoreira, entre outros.
NOVOS MODELOS DE COMERCIALIZACIÓN
Dentro da nova estratexia para facilitar a implantación de industrias e favorecer o crecemento das asentadas, a Xunta creou novos modelos de comercialización no marco do novo concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie. Así, o pasado mes de abril a Xunta poñía á disposición dos inversores un total de 357 parcelas, que suman cerca de 790.000 m², distribuídas polas catro provincias.
A convocatoria, que remata o 20 de maio, inclúe sistemas de bonificacións que contemplan descontos de entre o 30 e o 50 %. Ademais, darase prioridade ás solicitudes de compra fronte ás de dereito de superficie e os adxudicatarios deberán concluír a edificación e obter a habilitación da actividade no prazo máximo de tres anos.
A principal novidade deste sistema de acceso ao solo empresarial é a denominada oferta pública permanente, de maneira que as parcelas que non se vendan pasarán a estar ofertadas todo o ano. Esta modalidade aplicarase a terreos propiedade de Xestur situados en parques empresariais con características específicas, diferenciando entre dous grandes grupos: por unha banda, parcelas localizadas en ámbitos nos que houbo procesos de venda ou interese empresarial; e, pola outra, as situadas en parques nos que non se rexistraron operacións nin demanda recente.
A adxudicación directa é outra das novidades que incorpora o Goberno galego para incentivar a adquisición de parcelas. Faino no marco da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que permite a adxudicación directa de solo empresarial nos casos legalmente previstos, entre eles, os vinculados a proxectos empresariais singulares, proxectos industriais estratéxicos, parcelas que quedasen desertas en licitacións anteriores, operacións de permuta, transmisións a favor doutras entidades do sector público, compromisos recollidos en escritura pública ou necesidades xustificadas de expansión cara a parcelas lindeiras.

























