Consellería de Economía e Industria
Lorenzana asegura que a falta de investimento na rede de transporte de enerxía “é unha das maiores catástrofes e a peor herdanza que vai deixar o Goberno central”

- Alerta que en Galicia “existe un problema coa rede de transporte para consumo e, tamén, para evacuación”, ata o punto de paralizar parques eólicos porque non poden evacuar a enerxía eólica que están a producir
- A conselleira de Economía e Industria avoga por que se modifique a Lei do sector eléctrico para que a rede funcione como un sistema dinámico e o seu reforzo se faga en función da demanda industrial
- A nova planificación eléctrica presentada polo Goberno, “en Galicia solventaría unha parte do investimento industrial previsto se estivese mañá, pero o sistema exixe unhas tramitacións e ata dentro de cinco, seis, sete ou oito anos non imos ver esas subestacións e eses reforzos”, advertiu
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considera que a falta de investimento na rede de transporte de enerxía en España é “unha das maiores catástrofes e a peor herdanza que vai deixar o Goberno central”. Así se manifestou durante a súa intervención no Foro España 360, en Madrid, onde avogou por que se modifique a Lei do sector eléctrico para que a rede funcione como un sistema dinámico e o seu reforzo se faga en función da demanda industrial. “A transición enerxética hai que facela de maneira intelixente, sensata e sabendo que proxectos van vir instalarse e que sistema eléctrico necesita España”, abondou.
Segundo expuxo no foro, a nova planificación eléctrica que presentou o Goberno, no caso de Galicia, “solventaría unha parte do investimento industrial previsto se estivese mañá, pero o problema -proseguiu- é que o sistema exixe unhas tramitacións e ata dentro de cinco, seis, sete ou oito anos non imos ver esas subestacións e eses reforzos”.
REFORMA DE CALADO
Neste sentido, a conselleira emprazou ao Goberno a investir máis recursos públicos. “A mellor maneira de facer crecer España sería gastando os impostos de todos os españois en reforzar a rede de transporte eléctrico”, dixo, para recalcar: “Isto exixe unha reforma de calado vinculando o sistema enerxético e o industrial, pero no Goberno o Ministerio de Industria vai por un lado e o Ministerio de Transición Ecolóxica vai por outro”.
En Galicia, precisou ao respecto, existe un problema coa rede de transporte para consumo e, tamén, para evacuación, ata o punto de que hai parques eólicos que están parados porque non poden evacuar a enerxía eólica que están producindo. “Reforzouse o aporte de renovables ao sistema pero non toda a rede que ten que soportar esa electrificación dos consumos e da economía”, matizou.
María Jesús Lorenzana tamén fixo referencia á necesidade de que desde Europa se simplifiquen máis as tramitacións ambientais dos proxectos e, nesta liña, concluíu asegurando que o reto da Xunta é “que a cidadanía entenda o proxecto económico do Goberno galego” e “que se nos vindeiros anos non conseguimos facer dos nosos recursos naturais unha fonte para nosa industria o crecemento económico vaise ver afectado”, concluíu.


























