Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana defende a necesidade de trasladar seguridade xurídica, política e social para non sufrir a perda de proxectos industriais

  • Nun encontro organizado en Santiago por Women in a Legal World (WLW), advertiu que “estamos nun momento en que está en risco a separación de poderes consagrada na Constitución”
  • A conselleira de Economía e Industria remarcou que “as políticas públicas teñen que nacer da seguridade xurídica, dunha boa planificación, da transparencia e dun profundo respecto pola legalidade e polos dereitos das persoas”

Nun encontro organizado na capital galega por Women in a Legal World (WLW), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu a importancia de trasladar seguridade xurídica á economía e advertiu sobre o risco que supón instrumentalizar o dereito para bloquear proxectos industriais. “Estamos nun momento en que está en risco a separación de poderes consagrada na Constitución”, asegurou, para logo engadir que “as políticas públicas teñen que nacer da seguridade xurídica, dunha boa planificación, da transparencia e dun profundo respecto pola legalidade e polos dereitos das persoas”.

Lorenzana subliñou que a seguridade xurídica, política, e tamén social, son factores clave para que un proxecto industrial saia adiante, cando en Galicia, proseguiu, “estamos percibindo como moitos son boicoteados”. Segundo dixo a conselleira de Economía e Industria, a política industrial e económica da Comunidade autónoma “sería absolutamente imposible de levar a cabo sen un exercicio moi avanzado do dereito administrativo”. E precisou que iso é o que está permitindo acelerar os proxectos industriais en Galicia, transformar o solo empresarial público e traballar en figuras como a da repotenciación de parques eólicos.

Tamén no ámbito da enerxía, avogou de novo por que o Goberno central modifique a Lei do sector eléctrico para acompasala á demanda industrial. “Estamos perdendo proxectos todas as Comunidades autónomas por culpa de que a rede de transporte eléctrica non está adecuadamente dimensionada para ao desenvolvemento industrial que ten agora España”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia