Consellería de Economía e Industria
Rueda destaca o impacto do programa Retorna Cualifica Emprego, que xa facilitou o regreso de 400 galegos e a súa incorporación ao mercado laboral

- Nun encontro en Betanzos con novos traballadores de Gadisa beneficiarios desta iniciativa da Xunta, destacou a importancia da colaboración público-privada para “mellorar as oportunidades” dos retornados e “garantir a súa integración”
- No marco do Retorna Cualifica Emprego, a Administración galega facilita o regreso de menores de 55 anos, ofrecéndolles un posto de traballo estable, axudas para o acceso temporal ao alugueiro, así como facilidades e acompañamento ao longo de todo o proceso
- Na segunda edición, agora culminada, foron seleccionadas 200 persoas cunha idade media de 35 anos, distribuídas en 46 concellos e incorporadas a 71 empresas
- Ao grupo de traballadores beneficiarios hai que sumar as preto de 160 persoas acompañantes, xa que unha alta porcentaxe dos participantes regresa coa súa familia, o que eleva a dimensión social e integradora do programa
- O Retorna Cualifica Emprego forma parte da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que conta cun orzamento de 450 millóns de euros, co obxectivo de facilitar o regreso de 30.000 galegos nese período de tres anos
O presidente da Xunta destacou o impacto das dúas edicións do programa Retorna Cualifica Emprego, que xa facilitaron o regreso duns 400 galegos procedentes de 21 países e a súa incorporación ao tecido produtivo da Comunidade. Tal e como lembrou Alfonso Rueda, trátase dun programa “que ofrece aos galegos do exterior vir aquí traballar, mellorar a súa vida, ter máis oportunidades e que garante a súa integración”, indicou. Así o destacou en Betanzos durante un encontro con algúns dos preto de trinta participantes nesta iniciativa que xa comezaron a traballar no grupo Gadisa.
Tamén nas estratexias para retornados, Rueda destacou a importancia da colaboración público-privada para facer posible este retorno e axudar tamén a dinamizar o territorio, xerando oportunidades laborais en toda a Comunidade, tanto nas zonas urbanas como nas rurais. “É preciso contar con empresas potentes e recoñecidas como é Gadisa”, enxalzou.
O obxectivo da Xunta, tal e como apuntou, é ofrecer unha oportunidade aos galegos e galegas do exterior para que poidan desenvolver un proxecto de vida na súa terra. Para iso, no marco do programa Retorna Cualifica Emprego, a Administración autonómica facilita o regreso de menores de 55 anos, ofrecéndolles un posto de traballo estable; inclúe axudas específicas para o acceso temporal ao alugueiro; conecta perfís laborais coas necesidades de talento que trasladan as empresas adheridas ao programa; e ofrece facilidades e acompañamento ao longo de todo o proceso. Neste sentido, o presidente da Xunta salientou o dobre beneficio que propicia esta iniciativa ao atraer talento e experiencia á Comunidade, ao mesmo tempo que axuda a cubrir vacantes laborais.
Con todas estas vantaxes e beneficios, Rueda salientou o apoio do Goberno galego a este programa ao destinar 2,3 millóns de euros en 2025 para favorecer o regreso de máis galegos residentes no exterior, o que exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e vencellado ás necesidades do tecido produtivo que está a potenciar a Xunta. “Trátase dunha medida que permite paliar os problemas demográficos e devolverlles un pouco de todo o que eses países nos deron hai moito tempo”, destacou, para asegurar que é unha iniciativa pola que xa se están interesando outras Comunidades.

FACILITAR O REGRESO DE 30.000 GALEGOS
Na súa intervención engadiu que o Retorna Cualifica Emprego forma parte da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, dotada con 450 millóns de euros e mediante a cal a Xunta de Galicia pretende facilitar nese período de tempo o regreso de 30.000 galegos.
O próximo ano, o Goberno galego seguirá potenciando este modelo propio, que inclúe a galegos retornados como prioridade pero tamén a traballadores de terceiros países, sumando novas ferramentas como a Oficina de Atracción de Talento e a orde para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores incorporados neste plan.
Na segunda edición do Retorna Cualifica Emprego, agora culminada, foron seleccionadas 200 persoas cunha idade media de 35 anos, distribuídas en 46 concellos e incorporadas a 71 empresas. A este grupo, compre sumar as preto de 160 persoas acompañantes, xa que unha alta porcentaxe dos participantes regresa coa súa familia, o que evidencia a dimensión social e integradora do programa.
Como novidade, este ano celebráronse por primeira vez accións en orixe, con feiras de emprego específicas o pasado mes de marzo na Arxentina e no Uruguai, que contaron con máis de 3.500 asistentes, coa participación de cinco clústeres e cunha vintena de empresas de sectores estratéxicos.

























