Consellería de Economía e Industria
A Xunta busca situar a Galicia como un dos epicentros da produción mineira, coa adaptación das explotacións tradicionais e co potencial dos minerais críticos

- Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana participaron en Santiago no acto de celebración do centenario da Cámara Oficial de Minaría de Galicia
- O presidente da Xunta destaca a aposta do Goberno autonómico por un sector mineiro “moderno, sostible e estratéxico”, que ganará peso coa Lei de recursos naturais e coa Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia
- Fai fincapé no potencial da Comunidade na explotación dos minerais críticos, que son básicos para sectores tan puxantes como a tecnoloxía, as ferramentas dixitais, a automoción ou as enerxías renovables
- Dentro da Estratexia de seguridade industrial, a Xunta aplicará o vindeiro ano un Plan de inspección mineira que regulará visitas ás instalacións produtivas para avaliar o seu estado respecto ao proxecto inicial
“Queremos converter Galicia nun dos epicentros da produción mineira moderna, tanto ás explotacións tradicionais adaptadas aos novos tempos coma ás dos minerais do futuro”, enxalzou o presidente da Xunta no acto de celebración do centenario da Cámara Oficial de Minaría de Galicia, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Alfonso Rueda destacou a aposta do Goberno autonómico por impulsar un sector mineiro moderno, sostible e estratéxico para o territorio, nunha Comunidade que xa se encontra entre as de maior peso da actividade mineira, ao concentrar case o 10% da produción a nivel nacional. Ademais detallou que Galicia é a segunda autonomía con maior número de empregos” e líder na extracción de pedra natural en España.
Ao lembrar o peso do sector sobre o conxunto da economía galega, expresou que “se á minaría lle vai ben, a Galicia lle vai ben”, e engadiu que “os minerais galegos” son un bo exemplo “do que significa Galicia Calidade”.
O presidente da Xunta tamén fixo fincapé no potencial que ten Galicia na explotación dos minerais críticos, fundamentais para sectores estratéxicos como a tecnoloxía, as ferramentas dixitais, a automoción ou as enerxías renovables. “Os minerais van ser imprescindibles sempre. Para manter moitas das cousas ou servizos dos que dispoñemos se necesitan as explotacións mineiras. A tecnoloxía pode avanzar pero sempre será necesaria unha base mineral”, explicou no acto do centenario da Cámara Oficial de Minaría de Galicia.
Un estudo realizado no marco dunha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) destaca o potencial da Comunidade galega neste sector, ao contar con 18 dos 34 minerais identificados como críticos pola Unión Europea. O informe -baseado na análise de 12.847 mostras xeoquímicas rexionais tomadas polo Instituto Geológico y Minero de España en 127 zonas prospectivas prioritarias de Galicia- revela ademais que o valor mineiro económico da Comunidade sitúase entre os 25.000 e os 45.000 millóns de euros.
Á hora de impulsar o sector mineiro galego, Alfonso Rueda aposta pola colaboración público-privada, promovendo que todo o proceso -desde a extracción das materias primas ata a obtención do produto final- se realice en Galicia e garantindo que os traballadores desenvolvan a súa actividade con total seguridade.

MELLORAS NA REGULACIÓN DO SECTOR
Nesta liña, o presidente do Executivo galego resaltou a Lei de recursos naturais de Galicia, que busca que a riqueza que produce a xestión do vento, da auga ou dos minerais que hai en territorio galego quede na Comunidade e se traduza en melloras para os veciños e veciñas da contorna destes proxectos. “Unha Lei que facilita as explotacións mineiras rendibles e sostibles”, indicou.
Ademais, a Xunta ten en marcha a Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia e o vindeiro ano poñerá en marcha un Plan de inspección mineira que regulará a realización de visitas ás instalacións produtivas para avaliar o seu estado respecto ao proxecto inicial. Unha medida que se enmarca na Estratexia de seguridade industrial que busca garantir a saúde laboral e as máximas condicións de seguridade nas explotacións mineiras.



























