Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana defende xerar “unha tripla alianza estable entre o público, o privado e a sociedade” para impulsar o modelo enerxético e industrial de Galicia

  • Na inauguración da cátedra de internacionalización `Luis Fernández Somoza´ da Universidade da Coruña, plantexou que o reto compartido co tecido produtivo “é transmitir, explicar e facer que a cidadanía perciba cada proxecto como propio”
  • Avogou pola colaboración e o traballo coordinado entre empresas e Administración: “Non pode existir unha parcela pública e outra privada; o mundo xa non funciona así”
  • A conselleira de Economía e Industria remarcou a relevancia de crear seguridade xurídica, política e social para non disuadir o investimento empresarial

Na súa intervención na inauguración do curso académico da cátedra de internacionalización `Luis Fernández Somoza´ da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, a conselleira de Economía e Industria remarcou que a visión que inspira a política económica da Xunta é xerar unha tripla alianza estable entre o público, o privado e a sociedade para impulsar o modelo enerxético e industrial de Galicia, baseado na sustentabilidade, na dixitalización e na internacionalización. María Jesús Lorenzana chamou a evitar que cale a mensaxe dos negacionismos industriais. “No Goberno de Galicia somos conscientes de que é necesario que manteñamos unha postura valente, pero non podemos sos”, matizou, para engadir que “o reto, que é compartido co tecido produtivo, é transmitir, explicar e facer que a cidadanía perciba cada proxecto como propio”.

Neste contexto, Lorenzana sinalou a importancia de xerar seguridade xurídica, política e social para non disuadir ás empresas de facer investimentos. Segundo dixo, a Xunta está despregando políticas que as integran na planificación económica a través de medidas como os plans directores, deseñados coas principais asociacións sectoriais, pero tamén coas principais empresas; os acordos de investimento, orientados a captar capital, promover emprego de calidade e fortalecer cadeas de valor estratéxicas; os programas de innovación empresarial, nos que empresas, centros tecnolóxicos e Administración traballan de forma conxunta para transformar procesos produtivos; ou os acordos de asociación no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo.

“O investimento público só xera efectos multiplicadores significativos cando mobiliza investimento privado”, subliñou a conselleira de Economía e Industria, para destacar que Recursos de Galicia constitúe un exemplo claro de como unha sociedade público-privada pode actuar como ponte entre a Administración, as empresas e a cidadanía.

Para pechar a súa intervención na apertura do curso académico da cátedra de internacionalización `Luis Fernández Somoza´, concluíu defendendo a colaboración e o traballo coordinado entre empresas e Administración: “Non pode existir unha parcela pública e outra privada; o mundo xa non funciona así”, subliñou.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia