Consellería de Economía e Industria
Lorenzana reclama ao Goberno central que dote ás Comunidades de recursos orzamentarios para que as Administracións poidan monetizar os seus aforros enerxéticos

- Tamén demanda unha regulación harmonizada en España e sinala que a Xunta está a traballar para que os Certificados de Aforro Enerxético sexan un mecanismo “sinxelo, accesible e útil”
- Avanza que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos de 2026, que previsiblemente se aprobará no Parlamento a vindeira semana, inclúe modificacións lexislativas que favorecen a monetización de actuacións de eficiencia enerxética no sector público autonómico
- A conselleira de Economía e Industria lamenta que o novo sistema se concibise sen partida orzamentaria para as Comunidades autónomas, excepto para crear unha plataforma que segue sen estar operativa
No acto de clausura dunha xornada técnica en Santiago sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAE), a conselleira de Economía e Industria reclamou ao Goberno central que dote ás Comunidades autónomas de recursos orzamentarios e que estableza unha regulación harmonizada en España para que as Administracións públicas poidan monetizar os seus aforros enerxéticos.
Os Certificados de Aforro Enerxético son documentos electrónicos, xestionados polas Comunidades autónomas, que acreditan os aforros de enerxía logrados mediante medidas de eficiencia enerxética que se poden monetizar para financiar investimentos e cumprir cos obxectivos de descarbonización. A conselleira María Jesús Lorenzana remarca que “os CAE están transformando a maneira de entender e xestionar a eficiencia enerxética e consolídanse como unha ferramenta estratéxica, xa que permiten recuperar parte ou a totalidade dos investimentos”, e precisou que a Xunta está a traballar para que este mecanismo sexa “sinxelo, accesible e útil” tanto para empresas e particulares como para a propia Administración.
Así, avanzou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos para 2026, que se aprobará previsiblemente no Parlamento a semana que vén, inclúe unha serie de modificacións lexislativas que favorecen a monetización de actuacións de eficiencia enerxética dentro do sector público autonómico.
INCERTEZA NA TITULARIDADE DOS AFORROS
Lorenzana considera moi importante implicar ás Administracións públicas, onde existe un gran potencial de aforro pero, tamén, incertezas, “sobre todo en relación á titularidade dos aforros e de como se monetizan no mercado”, matizou. Ao respecto, lamentou que este novo sistema se concibise sen partida orzamentaria para as Comunidades autónomas, excepto para a creación dunha plataforma que aínda non está operativa.
Segundo indicou a conselleira de Economía e Industria nesta xornada técnica sobre os CAE, “a escalabilidade do sistema depende dun factor clave: da automatización mediante esa plataforma dixital integral; unha iniciativa unificada que permitiría optimizar a xestión e compravenda dos Certificados de Aforro Enerxético, garantindo maior transparencia, eficiencia e axilidade no mercado”.
En Galicia, ata o 31 de decembro de 2024 houbo 61 solicitudes de CAE, cun aforro de 410,225 GWh. Foi a sexta Comunidade autónoma en número de actuacións, pero a segunda en aforro despois de Madrid. Actualmente, de acordo aos datos de 2025, xa se levan presentado 381 solicitudes, das que 218 foron rexistradas favorablemente, 130 están en tramitación e 33 foron desistidas ou desfavorables. Os 218 CAE rexistrados supuxeron un aforro de 383,06 GWh e uns ingresos de case 58,63 millóns de euros.

























