Consellería de Economía e Industria
O desenvolvemento de case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial en Galicia ata o ano 2030 mobilizará un investimento superior aos 440 millóns de euros

- Na inauguración da ampliación do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, o presidente da Xunta enxalzou que o aumento da oferta “permitirá ampliar as empresas que xa existen e atraer outras novas que se queiran instalar” na Comunidade
- Salientou que de aquí ao 2030 vaise poñer ao dispor do sector empresarial máis superficie que a que se habilitou desde a creación de Xestur, a mediados dos 80, ata a actualidade
- A ampliación do parque das Gándaras supón case 220.000 novos metros cadrados, distribuídos en 39 parcelas, das que 27 xa están adxudicadas
- Cando estea rematado na súa totalidade, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados e acumulará un investimento próximo aos 90 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou en Lugo que o desenvolvemento de case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata o ano 2030 permitirá ampliar as empresas que xa existen, así como atraer outras novas que se queiran instalar en Galicia. O investimento total nesta iniciativa ascenderá a máis de 440 millóns de euros.
Rueda avanzou esta previsión durante a inauguración de tres novas fases de ampliación do parque empresarial das Gándaras. No acto defendeu que, con esta iniciativa, o Goberno galego busca dar resposta e solucións á iniciativa privada, aproveitando “o dinamismo que agora mesmo ten Galicia”, con oportunidades “que non debemos deixar pasar”, sempre “dentro do respecto ás normas”. Neste sentido, salientou que “hai moito talento en toda Galicia, tamén en Lugo”, e que cando hai talento “normalmente hai iniciativa empresarial”.
Tal e como destacou o presidente da Xunta, “onde se xera demanda, hai que atendela con celeridade”. Así, fixo fincapé en que esta aposta polo solo industrial supón poñer a disposición nos próximos anos máis metros cadrados de solo industrial dos que se habilitaron desde que se creou Xestión do solo de Galicia (Xestur), na década dos 80. En concreto, desde a súa fundación ata hai algo máis dun ano desenvolvera 11,4 millóns de metros cadrados; e agora, co horizonte posto no 2030, serán 11,7 millóns.
PREZOS BONIFICADOS
Esta política compleméntase con outras medidas para que as novas parcelas acaden unha ocupación efectiva. Entre outros incentivos, Alfonso Rueda citou os prezos bonificados, a oferta pública permanente (os terreos que non se vendan pasan a estar ofertados todo o ano) ou a adxudicación directa (unha figura que permite adoptar esta fórmula nos casos legalmente previstos, para proxectos singulares ou estratéxicos).
A ampliación que se inaugurou no parque das Gándaras, en Lugo, corresponde ás fases IV, V e VII-A. Supón case 220.000 novos metros cadrados, distribuídos en 39 parcelas, das que xa se adxudicaron 27. Cómpre lembrar que as primeiras tres fases xa están rematadas e esgotadas, sen solo dispoñible. Actualmente, xa es está traballando nas fases VI e VII-B, co que só quedaría por programar a VIII e a IX.
Deste xeito, cando o parque estea rematado na súa totalidade, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados e acumulará un investimento total que roldará os 90 millóns de euros.
Rueda sinalou que esta iniciativa é “mostra do dinamismo que ten a cidade” e que se inscribe na aposta que está facendo o Goberno galego por Lugo, con outros investimentos de relevancia en materia de vivenda de promoción pública -con 615 en marcha na cidade-, ou outras actuacións en materia de sanidade, como o proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón, a reforma do da Milagrosa, ou a ampliación do IES Muralla Romana.
























