Consellería de Economía e Industria
A Xunta defende unha minería verde, sustentable e “respectuosa co medio ambiente, coas persoas e co patrimonio”
- Compromete o mantemento de apoios por tratarse dunha “industria fundamental” da economía galega e da fixación de poboación no medio rural
- O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou en Ourense a xornada `Arquitectura, construción e pizarra en Valdeorras´
- Eloxiou o esforzo da industria mineira por incorporar as novas tecnoloxías, mellorar as condicións de seguridade e implicarse na restauración do entorno
- A xornada foi inaugurada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, quen animou a seguir traballando por unha industria estratéxica que representa o 27% das exportacións ourensás
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, comprometeu o apoio do Goberno galego ao sector mineiro, que definiu como “unha industria fundamental da economía galega que está a incorporar aos seus procesos de produción a innovación tecnolóxica, pero sempre desde a máxima dunha minería sustentable e respectuosa co medio ambiente, coas persoas e co patrimonio”. Fernández Vila clausurou a xornada `Arquitectura, construción e pizarra en Valdeorras´, organizada polo clúster do sector e que contou para a súa apertura coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid.
O director xeral lembrou que segundo se recolle nos `Datos da Estatística Mineira´, Galicia representa o 9,5% da produción mineira de España e segue a ser líder nacional en produción de pedra natural, tanto en lousa como en granito. Nomeadamente, e no caso da lousa, destacou o seu carácter exportador, co 95% da produción destinada aos mercados internacionais.
APORTACIÓN SOCIAL DA MINERÍA
Fernández Vila subliñou a importante labor social da minería, “xa que contribúe dun xeito decisivo a fixar poboación no rural galego”, e enxalzou o seu papel dinamizador “xerando de maneira directa máis de 2.400 empregos directos, cun 25% de emprego feminino, e cerca de 10.000 postos de traballo indirectos”, precisou.
O director xeral tamén louvou o importante esforzo que está a realizar a industria mineira en Galicia para incorporar as novas tecnoloxías aos seus procesos produtivos, coa mellora das condicións de seguridade e a restauración do entorno. “Sen dúbida -dixo- unha mostra inequívoca do compromiso do sector coa xeración de riqueza a través de explotacións máis verdes e sustentables. Un camiño no que sempre contarán co apoio do Goberno galego”, rematou.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Ourense animou aos participantes na xornada a seguir traballando por unha industria estratéxica para a provincia, onde o sector da lousa representa o 27% das exportacións totais.