Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A sociedade pública Xesgalicia cumpre 25 anos como canle de financiamento para impulsar a creación e a consolidación de empresas galegas

  • No acto de celebración deste aniversario transcendeu un balance de actividade no que destaca un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas, con 330 empresas beneficiarias

  • Entre outros apoios, están os concedidos a CZ Veterinaria, Innolact, Origo Biofarma, Cogami, Adega Condes de Albarei ou á Agrupación de Cooperativas Lácteas

  • Para 2025, Xesgalicia contará con saldos para investimentos por importe de 140 millóns de euros

  • No mesmo exercicio, o Igape destinará a financiamento empresarial 152 millóns de euros, un 46% máis que en 2024

 

A Xunta destaca o labor que desempeña Xesgalicia como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas. Este recoñecemento tivo lugar no acto de celebración do XXV Aniversario de Xesgalicia, sociedade que na actualidade contabiliza un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) de 330 empresas.

Xesgalicia leva 25 anos sendo un apoio fundamental para o fortalecemento do tecido empresarial galego e un brazo investidor para dar soporte e impulso ás empresas nos seus plans de negocio, como é o caso de CZ Veterinaria, Innolact, Origo Biofarma, Galega de Economía Social (Cogami), a Agrupación de Cooperativas Lácteas ou a Adega Condes de Albarei, entre outras.

A sociedade pública seguirá traballando nesta liña para ver nacer novas iniciativas e medrar as xa asentadas en Galicia. Así, para 2025, contará con saldos para investimentos por importe de 140 millóns de euros, dos que se prevén utilizar 22 millóns; e ademais os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasarán de 104 millóns de euros no 2024 a 152 millóns, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia