Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana subliña a aportación da Xunta como canle alternativa de financiamento para fortalecer empresas e apoiar investimentos

  • Nunha visita ás instalacións de Zendal no Porriño, a conselleira de Economía e Industria precisou que Xesgalicia, “o brazo investidor do Igape”, está preto dos 500 millóns de euros en 520 operacións aprobadas a máis de 300 empresas
  • Destacou que os apoios do Igape para 2025 en materia de financiamento superan os 150 millóns de euros, cun crecemento do 45% e co orzamento máis alto en cinco anos
  • María Jesús Lorenzana enxalzou a traxectoria do grupo Zendal, que “engloba toda a cadea de valor” e que “pon enriba da mesa” o forte posicionamento da industria biotecnolóxica galega

Nunha visita ás instalacións do grupo Zendal no Porriño (Pontevedra) , compañía que acredita máis de 30 anos de traxectoria no sector biotech, a  conselleira de Economía e Industria destacou o papel da Xunta como canle alternativa de financiamento para apoiar o fortalecemento das empresas galegas. María Jesús Lorenzana puxo en valor o labor de Xesgalicia, “o brazo investidor do Igape”, e sinalou que “precisamente esta empresa -en alusión a Zendal- é un exemplo de como a colaboración e a participación de Xesgalicia foi capaz de acompañar á compañía ata converterse no grupo empresarial que é na actualidade”.

A titular de Economía e Industria precisou que a día de hoxe Xesgalicia conta cun volume de investimento de preto de 500 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) en máis de 300 empresas. “Imos acompañando a estas empresas para facelas medrar e para converternos desde o primeiro momento en socios e colaboradores, e nunha alternativa ao financiamento privado”, subliñou.

Tamén explicou que no 2025 Xesgalicia conta con 140 millóns de euros dispoñibles para investimentos “dos que prevemos utilizar máis de 20 millóns”, dixo, ao que hai que engadir que, para este ano, os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento superan os 150 millóns de euros, cun incremento do 45%, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

En referencia ao grupo Zendal, Lorenzana afirmou que “pon enriba da mesa o valor que ten a industria da biotecnoloxía en Galicia” e detallou que “engloba toda a cadea de valor da propia fabricación, pero tamén da innovación e do desenvolvemento previo á comercialización”.

REFERENTE EN VACINAS

Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico enfocado na investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas e outros produtos farmacéuticos de alto valor engadido para a saúde. Neste momento conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción farmacéutica nos seus laboratorios do Porriño, León, Barcelona, e Paredes de Coura en Portugal.

Nos últimos cinco anos, Zendal investiu máis de 100 millóns de euros para fortalecer o seu liderado no sector da saúde. Este esforzo materializouse nun importante investimento en I+D para o desenvolvemento de vacinas para a saúde humana e animal, a construción de novas instalacións biofarmacéuticas con capacidade produtiva a grande escala, así como tamén na adquisición de dúas compañías do sector.

Grazas a isto, a capacidade produtiva en viais de vacinas medrou un 1.480%, consolidando o compromiso de Zendal coa saúde global e a produción farmacéutica de vacinas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia