Últimas Noticias

África

DAVID PENA RODRÍGUEZ - ETIOPÍA, MAURITANIA E DJIBOUTI

Graduado en Enxeñería Eléctrica e inspector de calidade no sector eólico

 “Sen dúbida a enerxía eólica é unha moi boa e necesaria solución para África, que só está aproveitando o 0,2% da súa capacidade potencial técnica”

Texto: Javier de Francisco ©

Graduado en Enxeñería Eléctrica pola Universidade de Vigo e inspector de calidade no sector eólico, a vida de David Pena deu un xiro desde que se desprazou por primeira vez a África para traballar na promoción e instalación dun parque eólico en Mauritania: Atopábame traballando en Francia e estaba xa asignado para comezar unhas semanas máis tarde outro proxecto en Zaragoza, o cal non me motivaba moito porque alí xa estivera e realmente o que me apetecía era seguir descubrindo e aprendendo en sitios novos. De maneira moi inesperada -relata-, mentres estaba en Francia chamoume o que era o meu xefe en Coverwind para ofrecerme ir ao proxecto de Mauritania, xa que a persoa asignada para ir causara baixa. Unha semana máis tarde desa chamada estaba voando con destino a Nouadhibou! Este foi o meu primeiro proxecto profesional en África e o que me cambiou a forma de afrontar o traballo e a vida en xeral”. A continuación foron sucedéndose outros destinos en Djibouti, Etiopía, Marrocos, Sáhara Occidental e tamén en Europa (España, Francia e Italia), ata completar un bagaxe de máis de seis anos volcado na súa especialización técnica.

Coa súa experiencia, non dubida en afirmar que “a enerxía eólica é unha moi boa e moi necesaria solución para o continente africano. Nos últimos estudos do GWEC infórmase de que África está unicamente aproveitando o 0,2% da súa capacidade potencial técnica eólica, polo que a mellora pode e debe ser substancial durante os próximos anos. Sería especialmente relevante conseguir cambiar o paradigma enerxético en África, un territorio que é moi vulnerable”, asegura.

Desde hai unha semana, David Pena reside moito máis preto do seu Brión natal, en Santiago de Compostela, para iniciar unha nova etapa grazas ás vantaxes do teletraballo. Na súa retina continúan fixadas as secuencias da súa longa e inesquecible estancia en África, e iso que houbo acontecementos marcados pola dureza e mesmo pola incerteza: “Tamén tivemos tempo de pasalo un pouco peor, como cando estivemos varias semanas non consecutivas practicamente incomunicados debido a uns disturbios provocados polos rebeldes na zona (en Djibouti). Ademais, por diversos motivos houbo semanas moi, moi duras de pasar a nivel psicolóxico, pero de todo se aprende e de todo se intenta sacar o mellor”.

 

Primeiro día de traballo en Mauritania 2019

  • Esta mesma semana regresache a Galicia logo de seis intensos anos participando no desenvolvemento de proxectos eólicos en África e Europa. Soñabas desde hai tempo con vivir este momento?
  • Efectivamente, despois de máis de seis anos traballando no sector eólico por diferentes países de África e Europa, a semana pasada confirmouse o meu cambio de posto de traballo dentro de Siemens Gamesa. Se che dixera que non me apetecía este cambio mentiríache, pero tampouco é que o estivese buscando desesperadamente. Durante unha viaxe cun amigo a principios de ano por Tailandia, outro amigo e ademais compañeiro de traballo comentoume que se abrira unha praza no departamento de enxeñería e realmente sen moita esperanza de que me escolleran, probei por probar. Finalmente, fun seleccionado e tal e como lle comentei aos meus compañeiros dáme un pouco de pena, xa que deixo un traballo que me gusta, que me fai disfrutar e que me fai medrar profesional e persoalmente; pero en definitiva é unha oportunidade de voltar a casa coa miña xente e continuar medrando profesionalmente dentro do sector e dentro de Siemens Gamesa.

As oficinas e campamento do parque eólico Goubet

  • Incluso a pandemia che colleu lonxe de casa? En qué país estabas traballando cando tivo lugar o confinamento? Foi moi duro estar alonxado da túa familia e amigos?
  • O que me pasou durante a pandemia foi unha sorte tremenda. Cando comezaba a escoitarse falar do coronavirus, a principios de 2020, atopábame nun proxecto moi preto de Saint Quentin, en Francia, e xusto me ía tocar renovar unha certificación que é obrigatoria para traballar no sector eólico a nivel mundial chamada GWO. Coa idea de renovar esa certificación viaxara de volta a casa o 6 de marzo de 2020 (nunca esquecerei o esaxerada que me pareceu a pouca xente que ese día viaxaba coa máscara cirúrxica posta; quen nolo ía dicir unhas semanas máis tarde...), así durante a semana do 9 ao 13 de marzo procedería coa formación necesaria e o luns 16 de marzo voaría de volta para reincorporarme ao mesmo proxecto en Francia. A sorpresa saltou cando o 13 de marzo o Goberno de España declara o “estado de alarma”. Ese mesmo día comunicóuseme que se me adiaba o día de viaxe de volta a Francia ata novo aviso, polo que tiven a sorte de pasar o confinamento estrito no país. A pesar de estar en confinamento estrito e ao estar considerado o sector enerxético como sector indispensable, un mes máis tarde de comezar o mesmo tocoume desprazarme un par de semanas a Zaragoza e acto seguido de novo a Francia. Recordo eses días como de incertezas, de non ter claridade en como desprazarnos... e foi todo un pouco aventura en xeral. Non esquecerei cando me tocou voltar a Francia en coche e chamando á embaixada para preguntar como estaba a fronteira para cruzar a súa contestación foi que non sabían, que agradecerían se lles chamase eu de novo tras cruzala para poder informarlles.

Proceso de montaxe do parque eólico Goubet, Djibouti

  • O teletraballo acaba de permitirche regresar a Santiago. É moi complicado traballar a distancia como inspector de calidade para a construción e posta en marcha de parques eólicos?
  • Complicado non sei se sería a palabra pero si que hai momentos nos que a distancia se nota, sobre todo antes de facer o salto a Siemens Gamesa. Cando comecei en Coverwind, ao igual que en todas as subcontratas do momento na zona de SE&A (sur de Europa e África), as condicións eran diferentes e era necesario traballar tres meses seguidos no estranxeiro para ter dereito a unha semana de rotación. Ademais da semana de rotación cada 3 meses seguidos de traballo tiñamos como é obvio os nosos correspondentes días de vacacións. Isto cambiou cando fichei por Siemens Gamesa e pasei a ter unha semana de rotación cada catro semanas de traballo en Europa, e cando traballaba en Etiopía ou Djibouti tiña dúas semanas de rotación cada seis semanas de traballo. Estas condicións evidentemente axudan a conciliar a vida persoal e profesional, e así non se sinte un tan frecuentemente desconectado da “vida de casa” por dicilo dalgunha maneira. Estando lonxe pérdeste moitos momentos importantes dos teus achegados, pero tamén é verdade que se adoita facer boas amizades cos compañeiros de traballo e intentamos sempre estar os uns cos outros. Eu notei isto de maneira especial en dous proxectos que eran un reto profesional moi grande e ademais en sitios particulares como son Mauritania e Djibouti. Un punto moi importante e que debo recalcar é o que se aprende ao traballar en países tan diferentes ao que está un acostumado e o que se aprende ao vivir nunhas culturas tan diferentes ás nosas. Se algo me quedou claro durante estes máis de seis anos no estranxeiro é que ao final o máis importante é a capacidade de adaptación e aceptación do diferente.

Locais traballando a terra con bois dentro do parque eólico Assela, Etiopía.

  • En qué consiste o teu traballo de inspección? É a parte de maior responsabilidade na promoción e desenvolvemento de parques eólicos?
  • O meu traballo como inspector de calidade consiste principalmente -e contado de maneira rápida- en asegurar que a calidade do produto, concretamente das turbinas eólicas, cumpra cuns estándares mínimos en todas as fases do proxecto; recepción dos compoñentes no parque por parte de loxística, auditorías durante o proceso de instalación para asegurar que o equipo de montaxe segue os procedementos do fabricante, xestión e investigación das non conformidades que poidan xurdir, inspeccións da turbina unha vez que está completamente montada, outra inspección ao finalizar a fase de posta en marcha e de ser necesario tamén acompaño ao cliente nas súas inspeccións.

Proceso de montaxe no parque eólico Assela, Etiopía

  • Non, non penso que o traballo dun inspector de calidade sexa o de maior responsabilidade durante a execución da obra dun parque eólico. Ao final somos unha figura máis do equipo no terreo de Siemens Gamesa xunto cos Site Managers, Installation Leads e HSE advisors, pero é que ademais tamén o está o equipo que da soporte desde oficina como os Construction Project Leaders, QMIPs, Technical Project Managers... O proxecto ao final é resultado do esforzo e da implicación de moita xente, e sen esquecer especialmente aos equipos de montaxe e de posta en marcha. O traballo que eles fan é realmente sacrificado. Traballar na construción dun parque eólico significa traballar nun entorno con moitos perigos presentes (traballo en alturas, risco eléctrico, manipulación de cargas, risco de incendio, risco químico...) e ademais traballar en case calquera condición meteorolóxica, sen deixar de lado a típica presión dos tempos e dos obxectivos. Non me atrevería tampouco a dicir que eles teñen a maior responsabilidade na execución dun proxecto pero se que poden ter unha gran influencia para que o proxecto salga acorde ao plan previsto. Aproveito para agradecer por aquí a todos os compañeiros que tiven nos diferentes proxectos durante estes máis de 6 anos polo seu esforzo, humanidade e bo trato comigo.

Vistas do parque eólico Assela, Etiopía

  • Aínda que traballas para compañías do sector -actualmente en Siemens Gamesa e antes en Coverwind Solutions-, en certo modo o teu rol ten semellanza co dun supervisor independente?
  • Exactamente, o traballo basicamente é o mesmo só que en lugar de traballar como unha terceira parte traballamos directamente co fabricante. En case todos os proxectos o que vai ser o propietario final do parque eólico adoita contratar un supervisor independente que actúe como consultor para certificar que todo o proxecto se executa correctamente. Os inspectores de calidade adoitamos ter moito contacto con estas terceiras partes durante a execución dos proxectos.

Vistas dende o parque eólico Assel, Etiopía

  • A promoción eólica en África continúa crecendo a gran escala? É a mellor solución para que a electricidade sexa un servizo universal no continente?
  • Sen dúbida a enerxía eólica é unha moi boa e moi necesaria solución para o continente. Nos últimos estudos do GWEC infórmase de que África está unicamente aproveitando o 0,2% da súa capacidade potencial técnica eólica, polo que a mellora pode e debe ser substancial durante os próximos anos. Sería especialmente relevante conseguir cambiar o paradigma enerxético en África, un territorio que é moi vulnerable onde xa sofren as consecuencias do cambio climático e onde ademais se concentra un fenómeno demográfico crecente e considerablemente importante, xa que a idade media da poboación do continente apenas chega aos 18 anos. A promoción eólica en África segue medrando si, mais posiblemente a un ritmo un pouco máis baixo do que cabería esperar. Os países máis desenvolvidos no que respecta ao sector eólico son, con moita diferenza, Sudáfrica, Marrocos e Exipto.

Realizando o visado no aeroporto de Nouadhibou

  • Estiveches en varios países africanos. Abordan a promoción de proxectos enerxéticos de forma similar e con medios técnicos comparables ou existen moitas diferenzas entre eles? ¿Xa hai moitos promotores locais (nacionais)?
  • A verdade é que cada un dos países onde estiven foi un mundo diferente. Normalmente en todos os proxectos onde traballei os medios técnicos foron buscados directamente por nós -entendo como nós a Siemens Gamesa- ou mediante contratas, pero sempre á marxe dos clientes. Sen afondar moito, por exemplo, na Mauritania a grúa principal de montaxe contratóuselle a unha empresa que a mandou desde Marrocos; para Djibouti contratouse como equipo de grúas a unha empresa con sede en Sudáfrica; e para Etiopía levouse unha grúa que é propiedade de Siemens Gamesa e levaba traballando moitos anos nos grandes proxectos eólicos de Exipto. Cabe destacar que en moitos dos casos os medios técnicos que se necesitan para a montaxe dun parque eólico directamente non existen no país ou o pouco que poida haber non cumpre cos requisitos mínimos de calidade e seguridade. Empeza a haber interese no mercado eólico e a pesar de seguir sendo moitos dos promotores europeos ou do Medio Este, empeza a haber promotores locais. Por exemplo, os clientes finais dos proxectos de Mauritania e Etiopía onde traballei era cadansúa sociedade pública de electricidade, SOMELEC e EEP respectivamente, e no de Djibouti era unha sociedade privada con sede no propio país. O que é certo é que normalmente a financiación adoita vir de capital estranxeiro: axudas da UE, fondos privados, empresas estranxeiras...

Parque eólico de Boualenouar en Mauritania

  • E o recurso natural do vento, en qué zonas de África ten maior potencial para o seu aproveitamento?
  • África en xeral ten un potencial eólico tremendo, destacando especialmente as zonas onde precisamente hai máis parques eólicos instalados. Estas zonas son todo o norte de África, desde Mauritania ata Exipto, e a zona sur, concretamente pola parte oeste, Namibia e Sudáfrica. Pero tamén é un lugar con moito potencial o Corno de África, destacando o Canal de Bab-El-Mandeb que xera un fluxo moi bo en Eritrea, Djibouti e Somalilandia.

Roberto e David Pena o día da inauguración do parque eólico Boulenouar, Maritania 2023.

  • Dos proxectos eólicos nos que tes participado, ¿cales che gustaron especialmente?
  • Difícil escoller só un... polo que se tivese que escoller quedaríame con dous, o proxecto de Boulenouar en Mauritania e o proxecto de Goubet en Djibouti. O de Mauritania chegoume nun momento profesional crítico, no 2019. Atopábame traballando en Francia e estaba xa asignado para comezar unhas semanas máis tarde outro proxecto en Zaragoza, o cal non me motivaba moito porque alí xa estivera e realmente o que me apetecía era seguir descubrindo e aprendendo en sitios novos. De maneira moi inesperada, mentres estaba en Francia chamoume o que era o meu xefe en Coverwind para ofrecerme ir ao proxecto de Mauritania; resulta que a persoa que estaba asignada para ir causara baixa. Exactamente unha semana máis tarde desa chamada estaba voando con destino a Nouadhibou! Este foi o meu primeiro proxecto profesional en África e o que me cambiou a forma de afrontar o traballo e a vida en xeral. Alí tiven uns compañeiros de casa inmellorables, uns compañeiros de traballo que eran como unha familia e en xeral un ambiente laboral excepcional. Fora do traballo, encantoume o país, a xente, as paisaxes... e tiven a sorte de poder viaxar algo dentro de Mauritania; visitei Cap Blanc, o Banc d’Arguin e a capital Nouakchott, pero aínda así sei que volverei. Foi un proxecto complicado e con moito traballo do cal marchei en decembro de 2019 pero tiven a sorte de poder volver a rematar o proxecto case catro anos máis tarde, a finais do 2023. Por se fose pouco, no 2023 tamén estaba Roberto, un compañeiro e amigo co cal compartira casa e vivira algúns dos mellores momentos no 2019. Ese retorno no 2023 foi como dar un salto no tempo, un salto que me axudou a ser máis consciente de saber de onde viña; foi bonito comparar como traballaba aquel David case recén chegado ao sector con tan un ano de experiencia co David que viña de pasar por Mauritania, Francia, España, Italia, Marrocos, Sáhara Occidental e Djibouti con case seis anos de experiencia. Alí o parque eólico constaba de 39 aeroxeradores montados nunha liña perfectamente recta ata case os 6 últimos que xa facía algo de curva, e estaban localizados paralelamente a unha vía do tren que vai de este a oeste. E ese tren... esa “Bestia do Deserto”, é o tren máis longo do mundo con máis de 2 quilómetros de vagóns cargados de mineral de ferro que viña de Zouérat ata Nouadhibou. O tren, con tres locomotoras coas siglas SNIM escritas en cada unha e seguido de máis de 200 vagóns era un fascinante compañeiro de traballo que pasaba practicamente a diario. Antes de saír do proxecto de Mauritania, a finais do 2019, recordo de enviarlle unha mensaxe ao coordinador dos inspectores de calidade de Siemens Gamesa para dicirlle que se necesitaba xente para ir a países “diferentes” a onde non adoita haber moitos voluntarios, que contara comigo que eu estaba disposto a ir. E así foi, ao pouco comunicáronme que contaban comigo para o proxecto de Goubet en Djibouti.

David Pena no punto máis profundo de África, o Lac Assal de Djibouti.

  • No 2021 comezou o proxecto de Goubet, e foi un reto en todos os aspectos que podes imaxinar. Nel estiven dous anos e medio; durante os dous primeiros anos viviamos nun campamento feito por contedores marítimos e emprazado no medio dun deserto volcánico dentro do parque eólico, moi preto do Lac Assal. A pesar de que cada semana baixabamos á capital a pasar unha noite e o día libre, a convivencia no campamento foi unha experiencia inesquecíbel. Os 8 ou 9 compañeiros que pasamos alí tanto tempo xuntos converterámonos nunha familia e faciamos grellada case todas as noites, algunha tarde baixabamos á praia, íamos tentar pescar, íamos bañarnos ao cráter dun volcán que estaba cheo de auga do mar, visitamos o volcán Ardoukouba, bañámonos no Lac Assal... son uns momentos moi bonitos de recordar. Tamén tivemos tempo de pasalo un pouco peor, como cando estivemos varias semanas non consecutivas practicamente incomunicados debido a uns disturbios provocados polos rebeldes na zona. Ademais, por diversos motivos houbo semanas moi, moi duras de pasar a nivel psicolóxico, pero de todo se aprende e de todo se intenta sacar o mellor. Tras dous anos e medio conseguimos acabar de maneira moi satisfactoria o proxecto, que era o principal obxectivo, e non foi sen moito traballo e mil e unha dificultades. Djibouti foi un auténtico descubrimento! Alí cheguei a sentirme como na casa e vivir cousas que nunca pensaría facer. Alí saquei o certificado de mergullo avanzado e vin corais e peixes incribles, nadei co tiburón-balea, estiven só en praias paradisíacas, tamén houbo tempo para festa e para coñecer a moita xente, entre eles a miña actual parella, Gabrielle, que é siciliana e traballa no sector humanitario. Non esquecerei tampouco as últimas horas que pasei no que fora o campamento e oficinas do proxecto. Senteime ao carón dun traballador local que actuaba como garda seguridade e estiven 45 minutos falando con el explicándolle que marchaba, que ía botar moito de menos todo aquilo, que fora un proxecto moi duro e especial... o gracioso é que pasamos os 45 minutos moi tranquilos e comunicándonos a pesar de que el só falaba a lingua local, Afar, e eu faláballe entre francés, inglés, español e galego. Definitivamente a lingua non é un impedimento para comunicarse.

Proceso de montaxe do parque eólico Boulenouar, Mauritania

  • Con todo o que relatas, non é de estrañar que te autodefinas no teu perfil profesional como un “buscador de novos desafíos e aventuras”. Iso significa que a etapa que agora principias en Santiago de Compostela é só unha parada temporal antes de emprender outros retos fóra de Galicia?
  • Se che digo a verdade tómome esta nova etapa tamén como un novo desafío. Levo traballando en campo seis días á semana incluso desde antes de entregar o TFG da universidade. A miña rutina en campo nunca estivo estritamente marcada se non que en función do traballo que houbese ía a unha turbina ou a outra, a facer unha auditoría ou recepcionar compoñentes... e sei que agora iso vai cambiar, vou ter que ter o cu sentado nunha cadeira as horas necesarias e sen saír moito da oficina. Isto vai supor un gran cambio no meu hábito de traballo ao cal me vou ter que adaptar, e por outro lado vou estar máis preto dos meus e poderei disfrutar de eles e con eles no tempo libre. E quen sabe... se non me consigo adaptar ou non me atopo cómodo sempre podo estar aberto a novas oportunidades para volver a África ou tamén me quedará a posibilidade de intentar volver ao traballo de campo que tan feliz me fixo e tanto me fixo medrar.

Camelos transportando sal atravesando o parque eólico Goubet.

  • Crees que Galicia recuperará algún día aos miles de enxeñeiros e profesionais de elite que, como ti, tiveron que emigrar en busca de condicións laborais e económicas acordes coa súa formación?
  • Dentro do sector eólico podo asegurar que hai un amplo espectro de empresas galegas que son referentes a nivel mundial, como poden ser Coverwind, Wind1000, Tecnorenova, Huso29 (hai pouco mercada por unha empresa americana), Control Vertical, High Wind Services... e empresas novas que van medrando, coma Galerna Wind ou L2Wind. Con isto quero dicir que posibilidades dentro do país hai, pero se se busca progresar e queres dar o salto a traballar para os fabricantes ou para os diferentes clientes normalmente xa toca buscar por fóra. Gustaríame que houbese máis oportunidades en Galicia, si, por suposto, sobre todo oportunidades competitivas e de calidade. Pero para iso tería que cambiar o panorama, o goberno autonómico debería apostar por unha industrialización real do país, habería que traer e/ou incentivar a crear empresas que comezasen e acabasen os procesos produtivos dentro da comunidade. Iso crearía unha rede industrial moito máis sólida e resistente. A modo persoal, penso que traer industria que simplemente ven á nosa terra a extraer os recursos naturais para transportalos ás fabricas que teñen noutros países, como se Galicia fose unha neocolonia, non é solución de nada. A chave sería que esa industria fixese tamén os procesos de transformación para obter o produto final preto da zona de extración reducindo así a pegada de carbono e creando unha rede real de traballo directo e indirecto na zona.

David Pena no alto dunha turbina no parque eólico Goubet. DE fondo o Lac Assal.

  • Por exemplo, do Grao en Enxeñería Eléctrica que cursaches na Universidade de Vigo, sodes maioría os enxeñeiros que estades noutros países?
  • Ao pouco de saír da universidade si que fomos varios aos que nos tocou saír pero debo dicir que a día de hoxe están case todos retornados en Galicia; aínda queda unha amiga por Suíza. Tamén é certo que a nosa casuística como estudantes de enxeñería eléctrica é un pouco máis particular xa que en comparación con enxeñería mecánica, electrónica, organización... nós eramos moi pouquiños os graduados cada ano.
  • Establéceste na cidade de Santiago por cuestións familiares ou profesionais? Quero dicir, é a túa cidade de sempre? A túa familia é de Santiago?
  • Por sorte podo dicir que me establezo en Compostela por cuestións tanto persoais como tamén profesionais. Eu realmente son de Brión, que é onde vive a miña familia e onde coñecín aos meus amigos da infancia. Pasei toda a vida en Brión ata que comecei a universidade en Vigo; neste momento xa pasaba a semana en Vigo e na maioría dos findes voltaba a Brión. Despois de acabar a universidade xa comecei a traballar no sector eólico e iso implicou comezar a ter desprazamentos máis longos, ir a casa menos semáns ao ano... Obviamente a familia e os amigos son piares fundamentais na vida de calquera persoa pero eu penso que especialmente para os que estamos fóra é sempre un plus saber que cando toca voltar os teus nunca van fallar. Por sorte teño un grupo de amigos que son amigos de toda a vida (algún outro é da época da universidade pero é como se fose amigo de toda a vida igual) e aínda a pesar de poder pasar varias semanas sen falar ou sen ter contacto directo, cando eu voltaba a Brión sempre era boa excusa para xuntarnos a cear e poñernos ao día. Falando da familia podo dicir que son unha banda de valentes; sei que non é fácil ter a un fillo ou un irmán lonxe e máis estando en sitios tan diferentes ao que estamos acostumados. En outubro de 2019 ata foron visitarme a Mauritania de sorpresa!
Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia