Últimas Noticias

África

MARCOS BOUZA GÓMEZ - GUINEA ECUATORIAL

Enfermeiro e coordinador de proxectos de cooperación internacional en Enfermería

“Quero seguir na cooperación internacional ou na axuda humanitaria antes que volver ao Sergas”

Texto: Javier de Francisco ©

Dous meses despois da súa chegada a Guinea Ecuatorial, o ourensán (de Calvos de Randín, A Limia) Marcos Bouza vivíu en primeira persoa o tráxico suceso acontecido na cidade continental de Bata en marzo de 2021, cando unha cadea de explosións nun almacenamento militar sembrou o caos e segou 107 vidas. “A xente pensaba que era un golpe de estado. Ao ser material militar había bombas e outro armamento que seguíu explotando todo o día. Xa de noite, vimos como un proxectil cruzaba a cidade e acababa no mar. Nese momento metémonos a todo correr na casa e alí estivemos tapados cos colchóns. Os militares sacaron os tanques á rúa porque nin eles mesmos sabían o que estaba a pasar. Algúns deles choraban porque pensaban que se ían meter nunha guerra”, lembra este enfermeiro experto en cooperación internacional. Sen embargo, aquel gran susto inicial no país foi derivando nunha estancia no país moito máis sosegada e enriquecedora. Ata o punto de que Marcos Bouza supera xa os tres anos e medio en Guinea Ecuatorial, como coordinador de proxectos e único profesional expatriado da Fundación para el Desarrollo de la Enfermería (Fuden). Na actualidade supervisa un proxecto consistente na formación e reciclaxe de 470 auxiliares de enfermería que exercen en hospitais públicos. Antes de chegar ao continente africano, formou parte da onda de enfermeiros galegos que emigraron ao Reino Unido antes do Covid e do Brexit: “Eu estudei en Santiago e calculo que da miña promoción, do ano 2015, dos 150 que eramos uns 50 ou 60 fomos para Inglaterra”, puntualiza.

En Guinea Ecuatorial detecta un certo déficit de enfermeiros e de atención sanitaria en xeral nos hospitais públicos, e en moita menor medida nos privados e nos concertados. Asegura que o país sorprende pola alta seguridade e polo forte vínculo que conserva con España. A curto e mesmo a medio prazo, os retos profesionais de Marcos Bouza pasan por continuar con Fuden na cooperación internacional ou en dar o salto á axuda humanitaria, pero non contemplan o regreso a Galicia: “Na sanidade pública galega de momento non me vexo. Agora subín bastantes postos nas listas coa oposición, pero non creo que haxa de momento boas oportunidades, así que quero seguir desenvolvendo a miña faceta na cooperación ou na axuda humanitaria antes que volver a traballar no Sergas”, razona anos despois do seu efímero paso, dun único mes, pola sanidade galega “con contratos bastante deficientes”.

  • Desde a túa primeira experiencia profesional en Guinea Ecuatorial, a comezos de 2021, traballaches en dous proxectos de cooperación internacional. En que consistiron?
  • O primeiro foi un proxecto de saúde sexual e reprodutiva en institutos, con adolescentes, e o obxectivo era establecer unhas consultas de enfermería dentro dos propios institutos, xa que os adolescentes non adoitan ir aos centros de saúde a preguntar por cuestións de saúde sexual e reprodutiva. Non pasa en España e tampouco pasa en Guinea Ecuatorial. Era un proxecto para previr embarazos non desexados, para reducir o VIH -que segue a ter unha porcentaxe moi alta no país-, e tamén para previr outras enfermidades de transmisión sexual. E o segundo proxecto, que é co que estamos agora, é de formación de técnicas de enfermería para auxiliares. É como unha especie de reciclaxe para que as auxiliares estean actualizadas. Contamos con 130 alumnos e ao final de ano agardamos ter formado a 470 en total.
  • É un labor solidario que fas con ONGs ou forma parte de programas gubernamentais?
  • Pois é un pouco dos dous. Traballo para unha ONG que se chama Fuden (Fundación para el Desarrollo de la Enfermería), pero así mesmo as subvencións que nos chegan son da Axencia Española de Cooperación para o Desarrollo (AECID). É un programa do Ministerio de Asuntos Exteriores, que é o que saca unha serie de subvencións cada ano, e as ONGs plantexan os proxectos e teñen que pedir esas axudas. Unha vez que se aproba a subvención é cando se empeza a implementar o proxecto no país de destino, neste caso en Guinea Ecuatorial. Por outro lado temos outro proxecto que é similar ao último que comentei (formación de técnicas de enfermería) e que se está a levar a cabo cunha petroleira inglesa, a través do seu programa de responsabilidade social corporativa. Esta petroleira saca subvencións para iniciativas sociais no país no que traballa.

  • Qué función e tarefa asumes no proxecto de formación de auxiliares, como experto en cooperación internacional para Enfermería?
  • A miña tarefa é a de coordinar. Nós baseamos o proxecto en formación en cascada; primeiro fixemos unha análise de necesidades e durante os primeiros meses fomos facendo enquisas ás auxiliares e a enfermeiros e directivos dos centros de saúde e dos hospitais para saber onde deberíamos incidir nesa reciclaxe ou que temas abordar como primordiais. De feito baseábase noutro proxecto que se fixo no 2019 e 2020, no que o que se fixo foi actualizar o temario que había para adaptalo ás novas necesidades formativas dos auxiliares. Como dixen, a miña función é coordinar o proxecto. Logo de facer unha selección formamos a enfermeiros para que fosen eles os profesores finais. E unha vez formados estes enfermeiros con técnicas de aprendizaxe, contratamos unha asistencia técnica para que tamén nos axudase. Así que neste momento son eles mesmos os que están formando aos auxiliares. E o meu traballo é coordinar esas formacións; estar pendente de que teñan o material necesario, de levar o apartado económico e de ir solventado as dúbidas e necesidades que vaian xurdindo.
  • Como se consegue dar formación tan especializada a grandes grupos, con preto de 500 alumnos?
  • Pois como dicía, facendo unha formación en cascada. Escollemos aos enfermeiros, que a maioría son licenciados, e dámoslle a través dunha guía formativa todo o apoio necesario co temario que teñen que impartir cada día. Dámoslle tamén todos os materiais necesarios para cada práctica, que van por módulos. Son uns 30 módulos e impártese un cada día. Por exemplo o módulo de inserción de vías, o de medicación intravenosa, o de RCP (reanimación cardiopulmonar), o de inmovilización do paciente... Esa formación dase nun módulo por día. Os enfermeiros, como son licenciados, xa teñen ese enfoque máis teórico que se lle ten que dar a estas formacións. Porque as auxiliares levan moitos anos traballando, pero a maioría chegaron ahí sen formación previa. Así que trátase de darlle unha base científica a ese coñecemento que previamente xa tiñan as auxiliares.

Marcos Bouza á entrada dun centro de saude

  • Hai moito déficit de persoal de enfermería en Guinea Ecuatorial? Os servizos sanitarios están en xeral ben cubertos para a poboación?
  • Si que hai falta de enfermeiros en Guinea. Co que se soluciona esa carencia é cos auxiliares. O que pasa é que, como dicía antes, estes non teñen unha formación específica na área de saúde. Por iso o que se pretende con este curso de dous meses e medio de duración é un pouco estandarizar esa práctica que xa veñen facendo no seu traballo e darlle unha base científica. En canto a si están cubertas as necesidades sanitarias da poboación, a verdade é que non. Desde que chegou o petróleo a Guinea nos anos 90 e principios do 2000, investiuse moito diñeiro en hospitais privados. Aquí hai como tres tipos de hospitais: o 100% privado, o concertado, que é como unha Seguridade Social que paga algunha xente, pero despois a maioría da poboación vai ao hospital público, que é onde hai moitísima necesidade. De feito lévanse décadas sen investir nestes hospitais. Nós creemos que é neles onde máis falta fai a atención sanitaria, pois nos outros dous tipos de hospitais está medianamente ben cuberta, si ben é certo que teñen moita xente de fóra. Antes había moitos españois traballando, pero agora hai moitos latinos traballando nestes hospitais. Sen embargo, sobre o 85% da poboación vai ao hospital público.

  • Antes de vincularte á faceta máis solidaria da Enfermería, en África, tiñas traballado durante 5 anos no Reino Unido. A que se debeu un cambio profesional tan acentuado?
  • Si, estiven cinco anos no Reino Unido. Foi debido a que eu quería coller unha base de práctica clínica. Non quería lanzarme xa á cooperación ao acabar a carreira, o cal de entrada é moi complicado. Eu creo que sempre hai que ter unha base antes de lanzarte a viaxar ou a traballar noutros países. E iso foi o que fixen en Inglaterra, ademais de mellorar o inglés. Durante eses cinco anos tamén me formei alí en cooperación, e fixen un curso de Mediciña Tropical na Universidade de Liverpool. Tamén fixen un Experto en cooperación, que conseguín sacar semipresencial, entre Madrid e Inglaterra, con prácticas en Perú. E logo, xa cando veu o Covid e tamén se materializou o Brexit, dixen que era o momento de saír. Tentei traballar no Sergas; a verdade é que traballei un mes, polos contratos bastante deficientes que nos daban. Logo marchei para Barcelona uns meses ata que encontrei o meu primeiro traballo en cooperación. O certo é que foi un tránsito que xa tiña pensado desde antes. Si que é un cambio bastante brusco e diferente, pero como digo é o que xa tiña previsto.

  • Naquel momento, chegaches ao hospital universitario de Southampton dentro da onda de profesionais sanitarios galegos tan demandados desde o Reino Unido? A pesar do Brexit, segue habendo moita emigración de enfermeiros españois rumbo a ese país?
  • Eu funme a Southampton no 2015, e si que fomos bastantes galegos nese ano. Por exemplo, eu estudei en Santiago, gradueime en xuño ou xullo de 2015, e en outubro xa estaba en Inglaterra. Da nosa promoción, que eramos uns 150 en total, 13 amigos fomos para o mesmo hospital de Southampton. Esta cifra xa da un indicador da emigración de sanitarios galegos que había naquela época para Inglaterra. Calculo que da miña promoción, dos 150, uns 50 ou 60 fomos para Inglaterra; é un número bastante alto. O motivo é que as condicións eran mellores; o soldo non era tan alto, pero tiñas un posto fixo, podías pedir as túas vacacións, facer horas extras cando querías... O que complicou todo non foi en sí o Brexit, senón o requerimento do C1 do idioma inglés. E foi parexo co Brexit, no 2016. Agora non van enfermeiros galegos nin doutras comunidades, e non sei se atribuílo máis ao C1 ou ao Brexit. Non estou ao tanto de si conta tamén para as listas ou non, pero si que hai moita menos emigración de enfermeiros para Inglaterra. Eu coido que o principal motivo era o nivel C1. Eu xa tiña o C1 daquela, pero na miña época valía con ter o B1, polo que foi un salto moi grande no requirimento do idioma. E logo o Brexit obviamente tamén tivo parte da culpa.
  • Seguirás en África por moito tempo ou tes xa outros retos en mente?
  • O de seguir en África por moito tempo aínda non o decidín. Sei que me quero seguir dedicando á cooperación; ou igual dou o salto á axuda humanitaria. Pero si que un aniño máis aquí en Guinea non o vería mal. A verdade é que estou bastante a gusto e contento neste país. E o futuro non sei a onde me levará; espero que alá onde me saia un traballo que me guste. De momento non teño previsto voltar a Galicia no curto prazo, pero si no medio ou no longo prazo. Por agora gustaríame seguir en Guinea e logo noutros países, mesmo fóra de África.

Con un grupo de amigos en Guinea

  • Ves o teu futuro sempre á beira da Fundación para el Desarrollo de la Enfermería (Fuden), coa que levas varios anos implicado? Ou tamén te atrae exercer a sanidade pública en Galicia?
  • Si que me gustaría seguir vinculado a Fuden no curto e medio prazo. Pero depende dos proxectos que vaian saíndo. Por exemplo, o único coordinador expatriado que hai agora mesmo son eu aquí en Guinea. Noutros países nos que traballa a Fundación non hai persoal expatriado como tal. De xeito que si podemos seguir en Guinea, eu encantado de facelo. E na sanidade pública galega de momento non me vexo. Agora subín bastantes postos nas listas coa oposición, pero non creo que haxa de momento boas oportunidades en Galicia, así que quero seguir desenvolvendo a miña faceta na cooperación ou na axuda humanitaria antes que volver a traballar no Sergas.
  • Que destacas en positivo da vida en Guinea Ecuatorial? E como partes máis negativas? Sorprendeuche o país?
  • Pois o certo é que Guinea é un país que sorprende ao chegar. A parte positiva é que hai moitísima seguridade. Desde que cheguei, hai tres anos e medio, nunca tiven ningunha sensación de inseguridade; podes camiñar de noite totalmente tranquilo... Nós cos nosos amigos saímos practicamente como si estiveramos en España. Tamén me sorprendeu que hai unha cultura moi parecida á española, obviamente dentro contexto no que estamos, no contexto subsahariano e bantú. Pero si que hai un achegamento á cultura española que non o esperaba para nada. Por exempo aquí ven La que se avecina... A primeira televisión que vin en Guinea tiña posto Sálvame. Están moi pendentes do que pasa en España, da política española... Isto é algo que me chamou moito a atención. Eu que traballo no Ministerio de Sanidade, cos meus compañeiros podo ter unha conversa sobre calquera tema de actualidade, por exemplo qué pasa con Sumar, con Vox... No país seguen día a día as noticias de España e vese moita televisión española. Como foi unha colonia española ata 1968, é dicir ata hai relativamente pouco, existen moitos lazos e moita unión. E o aspecto negativo? Primeiro estou lonxe da casa, todo o ano fai moito calor e moita humidade. E logo tamén hai dereitos sociais ou dereitos humanos que non están garantidos. Por exemplo a sanidade é moi deficiente e non existen as comodidades que se dan en España. Aquí pódese vivir ben; no meu caso vivo nun piso como viviría en España, con luz, auga, aire acondicionado, con seguridade... Vivo bastante ben, pero non hai as comodidades de ahí. Logo tamén, a forma de traballar é bastante arbitraria, non como en España. Pero facendo un resumo, creo que a miña experiencia en Guinea é positiva. Se non fose así non estaría aínda vivindo aquí.

  • Consegues ter aí tempo para o ocio? Visitaches outros países da rexión?
  • Si que temos tempo para o ocio. O noso horario laboral é normal, coma se estivésemos en España. É de luns a venres, de 8 a 17 horas, e ao saír, polas tardes, temos as nosas actividades. Eu apunteime nun instituto francés e estou sacando o nivel B2 de francés. Tamén imos a camiñar ao paseo marítimo, a tomar algo... A partir do xoves xa empeza a fin de semana. Entre os amigos saímos a cear os xoves, os venres xa é cando nos podemos distender un pouco máis... Saímos de festa ata as 4 ou 5 da mañá, como si estivésemos en España. E xa os sábados e domingos tentamos saír un pouco da cidade. Imos ás praias ou a facer actividades na montaña. En canto a visitar outros países da rexión, iso é bastante complicado. De momento non puiden visitar ningún, porque non hai tránsito fácil entre países. Lembro que hai dous anos, nunha Semana Santa saquei o visado para ir a Gabón, que é limítrofe con Guinea. Chegamos á fronteira e o policía que estaba alí dicíanos que non pasabamos, porque a el non lle apetecía; dicía que tiñamos que pagar unha barbaridade de diñeiro, a pesar de que tiñamos os visados de ambos países e de que non estabamos facendo nada ilegal. O caso é que non puidemos cruzar a fronteira e foi unha situación frustrante. Tamén para ir a países como Camerún ou Nixeria, que están aquí ao lado (Camerún está a uns 30 kilómetros de Malabo, da illa, e Nixeria a uns 120), non hai transporte marítimo e para viaxar en avión hai un par de voos a semana que custan como prezo mínimo 600 euros a viaxe de ida e volta, así que é moi complicado. E logo tamén porque aproveito as miñas vacacións para ir a casa a visitar a miña familia. De aí que, con certa pena, non puidese visitar por agora outros países.
  • Residiches na cidade portuaria de Bata e actualmente na capital, Malabo. A túa chegada a Guinea Ecuatorial, en xaneiro de 2021, case coincidíu coas explosións rexistradas en Bata (marzo de 2021) nas que houbo máis dun centenar de falecidos. Viviches no país ese dramático suceso?
  • En efecto eu viñen no 2021. Cheguei a Bata, que é a cidade que está no continente. Guinea divídese en dúas partes, a insular na que está a capital, Malabo, e a continental, na que está Bata, a outra cidade grande do país. Cheguei en xaneiro do 2021 e si que houbo unhas explosións o día 7 de marzo, aquí coñécese como o 7-M. Foron as explosións dun almacenamento de material militar que causou máis de cen mortos, e si que foi un día bastante estresante. Eu estaba no centro da cidade tomando algo cos meus amigos, creo que era un sábado ou un domingo á unha da tarde, e de repente ao noso lado parecía que houbera un terremoto. Estalaron todos os cristais das xanelas e ao lonxe viamos unha nube negra, que parecía cando ves nas películas ou na tele unha bomba nuclear; era como un champiñón de fumo. Ninguén sabía o que estaba a pasar. A xente pensaba que era un golpe de estado. Logo vimos pasar xente en camionetas faltándolle membros ou xente morta. Ían pasando en camionetas porque non hai ambulancias. Foi dramático. Logo fun durmir ao espazo de cooperación, unha finca habilitada para as persoas que traballan en cooperación, e estivemos con eles esa noite. Ao ser material militar había bombas e outro armamento que seguiu explotando todo o día. Nós estabamos a uns 5 kilómetros nesa finca que está ao lado da praia e xa as nove da noite, ceando fóra, no xardín, vimos como un proxectil cruzaba a cidade e acababa no mar. Nese momento metémonos a todo correr na casa e alí estivemos tapados cos colchóns por si pasaba algo. Pero bueno, foi máis o susto que outra cousa e o non saber qué estaba pasando. Os militares sacaron os tanques á rúa porque nin eles mesmos sabían o que estaba a pasar. Había militares chorando porque pensaban que se ían meter nunha guerra. Así que foi preocupante por ese aspecto, o de non saber o que estaba ocurrindo realmente. Ao final todo quedou nun susto e nunha traxedia evitable. E o susto quedou no corpo.
  • Agora en Malabo, sentes moita nostalxia da túa localidade de orixe, Calvos de Randín, na comarca ourensá da Limia? Regresas varias veces ao longo do ano?
  • A verdade é que si que teño bastante morriña da casa, da terra, e de Randín sobre todo. Intento volver un mínimo de dúas veces ao ano, en xaneiro e en agosto. Este ano regresei tamén en maio, ao concederme un permiso extraordinario, pero si, normalmente procuro ir un mínimo de dúas veces ao ano, en Nadal e no verán.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia