Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta lanzará unha nova liña de préstamos de circulante de ata un millón de euros, e con dobre carencia do habitual, para empresas afectadas polos aranceis

  • A conselleira de Economía e Industria e os titulares de Facenda e Administración Pública, Medio Rural e Mar analizaron cos clústeres, asociacións sectoriais e consellos reguladores os efectos da política arancelaria de Estados Unidos
  • A nova liña para circulante entra dentro dos 50 millóns de euros que o Igape destina a financiación empresarial, pero con condicións específicas para mitigar o impacto sobre as exportacións
  • María Jesús Lorenzana avanzou a creación dunha oficina que prestará servizos especializados en comercio exterior, dependente da Oficina Económica de Galicia e conectada coa antena do Igape en Miami
  • Outras medidas serán abordar co tecido produtivo a diversificación de mercados, o relanzamento da marca Galicia e campañas de exaltación da calidade e excepcionalidade dos produtos galegos

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 millón de euros, ampliable, e con catro anos de carencia –o dobre que o habitual–, para mitigar o impacto que poidan ter os aranceis nas empresa galegas. Xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, a conselleira de Economía e Industria mantivo un encontro cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e con consellos reguladores do viño para abordar os efectos da nova política arancelaria de Estados Unidos.

Segundo avanzou Lorenzana, a nova liña para circulante entra dentro dos 50 millóns de euros que agora mesmo o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina a préstamos para empresas, pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática, dixo. Xunto con isto, tamén anunciou que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami.

Ademais, a partir de Semana Santa, adiantou, vanse organizar seminarios concretos por cada un dos sectores e empresas máis afectados pola nova política arancelaria para comezar a traballar nas oportunidades que ofrece o Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a semana pasada, que pon á disposición das empresas 14.000 millóns de euros en avais, axudas non reembolsables e tamén o fondo de internacionalización, apuntou.

CAMPAÑAS DE PRODUTOS GALEGOS

Tamén detallou que se vai traballar co tecido produtivo na diversificación de mercados e nas medidas posibles en canto á rebaixa ou recualificación de produtos para reducir o impacto dos aranceis. E, na mesma liña, considerou importante relanzar a marca Galicia e tamén campañas que potencien a calidade e a excepcionalidade que teñen os produtos galegos.

A conselleira de Economía e Industria, que cualificou a xuntanza de produtiva e necesaria, avogou por “traballar man a man cos sectores” para que trasladen “empresa a empresa” cales son as súas necesidades. Quixo, así mesmo, lanzar unha mensaxe de “prudencia”. “Temos que ir traballando cada día coas noticias que se van plantexando”, dixo, para engadir a continuación que “debemos sempre tentar negociar e reducir a guerra comercial, non dar por perdida a situación, senón tentar que estes aranceis se vaian desescalando e normalizar as relacións comerciais cos Estados Unidos”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia