Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta expón en Barcelona o seu modelo de aceleración industrial e as medidas postas en marcha para fomentar o desenvolvemento de solo industrial

  • Detallou o funcionamento de iniciativas como as Zapes (Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo), que permiten simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos de empresa
  • O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participaron no `II Congreso Nacional de Xestores de Polígonos Empresariais´
  • Nicolás Vázquez demandou que a rede de transporte eléctrico dea unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria e reiterou que é necesario modificar o Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica aprobado polo Goberno central

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, acompañado da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiron ao `II Congreso Nacional de Xestores de Polígonos Empresariais´ celebrado en Barcelona. Neste foro puxeron en valor que unha das metas do Goberno galego nesta lexislatura é axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles lugares onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona e non existe oferta de parcelas para o asentamento empresarial.

Neste sentido, o secretario xeral lembrou como as figuras de aceleración industrial postas en marcha neste 2025 como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) permitirán simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous para que as empresas poidan comezar a súa construción.

Trátase, en definitiva, de desenvolver solo industrial nos concellos nos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias, e deste xeito, levar a cabo un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda Galicia.

Nicolás Vázquez tamén resaltou a importancia de que a rede de transporte eléctrico dea unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria e, nese sentido, sinalou que é necesario modificar o Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica aprobado polo Goberno central ao considerar que non soluciona a falta de planificación enerxética e deixa de lado ás comunidades autónomas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia