Consellería de Economía e Industria
A Xunta reclama para Galicia unha maior participación na xestión dos fondos europeos e que se reparta ás comunidades autónomas “todo ou parte” dos aranceis recadados en España
- A conselleira de Economía e Industria considera clave a participación autonómica “nas decisións respecto de a onde e como se xestionan os fondos”, xa que son “un mecanismo importantísimo para loitar nesta guerra comercial”
- Solicitou no Consello Interterritorial convocado polo Goberno a elaboración dun plan estrutural integral para reforzar a competitividade do sector industrial en España e en Europa
- María Jesús Lorenzana propuxo traballar en medidas como o Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica e en reforzar o binomio enerxía-industria
- Precisou que o impacto directo respecto ás exportacións en Galicia é menor do 3%, como xa avanzara a Xunta, pero advertiu que a problemática principal da nova política arancelaria “está no efecto indirecto e o derivado da reconfiguracion das relacións comerciais de terceiros países con Estados Unidos”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou para Galicia unha maior participación na xestión dos fondos europeos ao considerar que “son un mecanismo importantísimo para loitar nesta guerra comercial”, e demandou que se reparta ás comunidades autónomas “todo ou parte” dos aranceis recadados en España. “É clave a participación que reclamamos as comunidades autónomas nas decisións respecto de a onde e como se xestionan os fondos”, subliñou Lorenzana logo de asistir en Madrid ao pleno do Consello Interterritorial de Internacionalización convocado polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.
A conselleira explicou que, pese a que o impacto directo respecto ás exportacións en Galicia é menor do 3 por cento, tal e como xa avanzara a Xunta e confirmou neste Consello Interterritorial o Ministerio, a problemática principal, con carácter xeral, está no efecto indirecto e o derivado da reconfiguracion das relacións comerciais de terceiros países con Estados Unidos.
Neste contexto, Lorenzana considerou imprescindible para Galicia ter un coñecemento directo das medidas que se están adoptando por parte do Estado, “para traballar de maneira complementaria no apoio que deamos as comunidades autónomas”, dixo. Ao respecto, solicitou a elaboración dun plan estrutural integral para reforzar a competitividade da industria en España e en Europa. Para isto, avogou por traballar en medidas como o Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica e en reforzar o binomio entre a enerxía e a industria.
DEFENSA PARA OS PRODUTORES
Así mesmo, destacou a necesidade dun plan de coordinación e reforzo das políticas aduaneiras e de mercado: “Temos que defender ós produtores europeos garantindo que as novas importacións que se produzan derivadas da recolocación das relacións comerciais cumpran os estándares de seguridade e ambientais europeos”, manifestou.
María Jesús Lorenzana agradeceu a colaboración do Goberno central e concluíu pedindo a implicación, tamén, doutros ministerios como o de Industria e dos sectores produtivos primarios que, para Galicia, matizou, son fundamentais.