Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta impulsa o emprendemento innovador no sector agroalimentario, terceiro motor das exportacións galegas, a través da sétima edición da Business Factory Food

  • A aceleradora da agroalimentación galega busca captar proxectos novedosos que dean resposta aos actuais retos da economía global
  • Covadonga Toca, directora do Igape, destacou na apertura da BFFood que esta lanzadeira de empresas “forma parte dunha estratexia máis ampla da Xunta” que inclúe a BFAuto (automoción), BFAero (aeronáutica) e a BF ClimaTech (economía circular)
  • Remarcou a aposta do Goberno galego por campos como a agricultura de precisión, a dixitalización da cadea alimentaria ou a produción de alimentos intelixentes

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, participou no InfoDay que marca o inicio da VII edición da Business Factory Food (BFFood), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que se ten consolidado como un referente na promoción do emprendemento e da innovación no sector agroalimentario. Durante a súa intervención no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, a directora do Igape destacou que a BFFood “non é só unha aceleradora de proxectos, senón un auténtico ecosistema de colaboración onde o talento emprendedor atopa respaldo, mentorización e acceso a redes estratéxicas para avanzar cara ao éxito”.

A nova edición da BFFood abre unha convocatoria dirixida a captar proxectos innovadores que dean resposta a retos reais do sector agroalimentario galego. O programa ofrece acompañamento integral desde a fase inicial de lanzamento ata a consolidación empresarial, con recursos, formación, asesoramento técnico e o apoio de grandes empresas tractoras do sector.

Covadonga Toca puxo en valor que a aceleradora “forma parte dunha estratexia máis ampla da Xunta para fortalecer o tecido produtivo galego a través da innovación”, enmarcada nunha rede de aceleradoras sectoriais que inclúe tamén a BFAuto (automoción), BFAero (aeronáutica) ou a BF ClimaTech (economía circular).

MÁIS DE 4.000 MILLÓNS DE EUROS EN EXPORTACIÓNS

Na súa intervención, a directora do Igape tamén subliñou a relevancia estratéxica do sector agroalimentario para a economía galega, con máis de 4.000 millóns de euros en exportacións anuais, sendo o terceiro sector máis relevante tras a automoción e o téxtil.

“Este sector non só é un motor económico, senón que tamén está en constante evolución. Galicia logrou posicionarse como unha referencia en sustentabilidade, tanto na pesca como na agricultura e a acuicultura, aproveitando os nosos recursos naturais de maneira responsable e respectuosa co medio ambiente”, engadiu. Así mesmo remarcou a aposta do Goberno galego por campos como a agricultura de precisión, a dixitalización da cadea alimentaria ou a produción de alimentos intelixentes, núcleos de especialización desde os que Galicia tamén está a reforzar a competitividade das súas empresas.

Por último, Toca Carús agradeceu o labor de coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o compromiso das empresas colaboradoras e, especialmente, o esforzo dos emprendedores e emprendedoras que “co seu traballo, creatividade e visión están a situar Galicia á vangarda da innovación agroalimentaria”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia