Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A lousa converte a Carballeda de Valdeorras no primeiro municipio de Galicia en ser declarado Concello Mineiro

  • Logra da Xunta de Galicia esta distinción que vai supoñer que o concello e as pizarreiras reciban unha puntuación superior nas convocatorias públicas ligadas á minería
  • Ademais Carballeda de Valdeorras terá prioridade nas colaboracións para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro
  • A conselleira de Economía e Industria mantivo unha xornada de traballo co Clúster da Pizarra e visitou as instalacións de Pizarras del Valle e Vazfer
  • María Jesús Lorenzana avanzou que desde o 9 de abril xa se poderán solicitar as axudas para fomentar a sustentabilidade na actividade industrial dos recursos naturais, cun orzamento de 2,4 M€
  • A metade das explotacións de lousa ornamental existentes en España están en Galicia, así como máis da metade dos postos de traballo que xera esta actividade

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que Carballeda de Valdeorras será o primeiro municipio de Galicia en ser declarado Concello Mineiro, logo de que así o solicitase o Goberno local por cumprir cos requisitos exixidos. Eses requisitos son: que exista ou existise nos últimos dez anos unha especial incidencia da minería para a economía local; que este sector xere máis de 40 postos de traballo directos, tendo en conta especialmente o emprego cualificado e feminino; e que o número de explotacións no municipio sexa superior a cinco.

Nese sentido, Carballeda de Valdeorras cumpre con estas exixencias pola súa histórica vinculación co sector da lousa, que xera actualmente 2.000 empregos directos nas 25 explotacións que actualmente ten activas. Contar con esta declaración, explicou Lorenzana, vai supoñer que tanto o concello como as empresas que xeran esta actividade van ter en todas as convocatorias públicas ligadas á minería unha puntuación superior, e o municipio tamén terá prioridade á hora de facer calquera tipo de colaboración para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro.

A conselleira fixo este anuncio nunha visita que realizou na zona a Pizarras del Valle e a canteira Pizarras Vazfer, acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Segundo dixo a titular de Economía e Industria, Galicia é líder tanto en produción de lousa como de granito. Precisou que a metade das explotacións de lousa ornamental en España están en Galicia e, tamén, máis da metade dos postos de traballo que xera esta actividade.

Neste contexto, Lorenzana informou de que a partir do vindeiro 9 de abril xa se van poder solicitar as axudas para fomentar a sustentabilidade na actividade industrial dos recursos naturais, cun orzamento de 2,4 M€ e que oscilan entre os 100.000 e os 3.000 euros. Son para protexer a contorna das zonas afectadas pola actividade mineira; para mellorar a seguridade e saúde laboral no sector; para o aproveitamento das augas minerais, termais e de manancial; para certificación; e, como novidade, para a adquisición de equipos que permita mellorar a eficiencia enerxética nas empresas, especialmente, aquelas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.

“Cremos que Galicia ten un potencial mineiro excepcional”, afirmou a conselleira, para lembrar que, despois de 13 anos, hai 51 concursos de dereitos mineiros convocados; 10 deles na provincia de Ourense. En concreto, na comarca de Valdeorras son dous, que afectan ós concellos do Barco de Valdeorras, Vilamartín e Petín, para a extracción de lousa, apuntou, para anunciar a continuación que “a finais deste ano imos lanzar outros permisos de investigación para seguir traballando nun sector que dá emprego de calidade e que é fundamental para o autoabastecemento da UE e de Galicia”.

Lorenzana avanzou, ademais, que a Xunta xa está traballando na actualización da Axenda da Minería Sustentable de Galicia para o período 2025-2027.

RECURSO TURÍSTICO INDUSTRIAL

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a vantaxe deste territorio ao contar “cun pasado e cun presente que permite o seu aproveitamento como recurso turístico industrial relacionado coa lousa”. Engadiu que Galicia ten múltiples exemplos deste tipo de turismo que van desde as conserveiras, a industria de salgadura, a construción naval, as instalacións mineiras e as eléctricas, entre outras, e referiuse tamén á tradición mineira de Valdeorras. “O turismo industrial ten unha compoñente etnográfica moi importante ao permitir entender a vida dos habitantes, abrindo a posibilidade de coñecemento de historia locais”, sinalou.

Para rematar a xornada, a conselleira de Economía e Industria mantivo unha reunión de traballo con representantes do Clúster da Pizarra, que agrupa máis de 40 empresas dedicadas á extracción, elaboración e comercialización de lousa en Galicia e representan, aproximadamente, o 90 por cento da produción total da Comunidade. Na xuntanza abordaron a situación actual do sector e os retos que afronta no ámbito da sustentabilidade, internacionalización e diversificación de mercados.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia