Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avaliou co sector forestal a mellora de competitividade na cadea monte-industria que están a lograr as axudas da Xunta

  • O orzamento para o período 2025-2026 é de 10 millóns de euros, con apoios que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros para serradoiros e rematantes
  • Desde que se puxeron en marcha no ano 2018, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) concedeu 624 axudas por importe de 56,6 millóns de euros, máis do 75% nas provincias de Lugo e A Coruña
  • O programa actual inclúe como novidade unha liña para a medición e trazabilidade do inventario forestal de Galicia e da madeira aproveitable
  • A conselleira de Economía e Industria, que se reuniu con representantes de cinco dos maiores serradoiros de piñeiros, destaca que son axudas necesarias para a competitividade dun sector que abrangue máis de 3.000 empresas e que afronta “retos como o peche de ciclos ou a extensión dos novos usos da madeira”

Nunha xuntanza cos responsables de cinco dos maiores serradoiros de piñeiros de Galicia en termos de facturación e consumo, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana,  avaliou o impacto positivo que están a ter as axudas que a Xunta ten á disposición do sector, especialmente, para as empresas de primeira transformación. En concreto, á reunión asistiron representantes de Maderas Goiriz (Vilalba), Hijos de Ramón Rubal (Alfoz), Besteiro Forestal SL (Castroverde), Hermanos García Rocha SL (Oza-Cesuras) e Maderas Cajaraville SL (Teo).

Un dos principais asuntos da reunión foi o balance que deixa o programa de axudas da Xunta para a renovación de maquinaria e adquisición de equipamento máis avanzado, para o acondicionamento de instalacións e para a comercialización de produtos que, xustamente, o pasado 27 de marzo pechou o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria deste ano.

Desde o 2018 en que se puxo en marcha, a Administración autonómica, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), leva concedido 624 axudas por importe de máis de 56,6 M€. Máis do 75%, nas provincias de Lugo e A Coruña.

APOIOS ENTRE 50.000 E 200.000 EUROS

Esta edición conta cun orzamento de 10 M€ para o período 2025-2026, con apoios que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros para serradoiros e rematantes. En concreto, a convocatoria inclúe 5 liñas: para maquinaria de tratamentos silvícolas; de medición de masas forestais; para a comercialización da castaña e da resina; para a compra de equipos portátiles e maquinaria de clasificación automática da madeira e de produtos serrados; e, por primeira vez, para a medición e trazabilidade do inventario forestal e daquela madeira aproveitable.

A conselleira salientou que se trata dunha liña de axudas necesaria para a competitividade da cadea monte-industria en Galicia, que abrangue máis de 3.000 empresas (o 12% do emprego industrial), e que afronta retos como o peche de ciclos ou a extensión dos novos usos da madeira.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia