Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta aborda cunha delegación de sete estados novas fórmulas de colaboración entre o país norteamericano e as empresas galegas

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo con representantes da embaixada e das economías de Ohio, Virginia, Carolina do Norte, Carolina do Sur, Texas, Indiana e Pensilvania
  • Tamén participaron membros da Asociación de Industrias do Metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), entidade que promoveu a visita da delegación procedente de Estados Unidos
  • Na xuntanza transcendeu o potencial investidor existente en sectores como a construción, as enerxías renovables, o aeroespacial e a industria alimentaria
  • Lorenzana destacou a recente posta en marcha dun observatorio de vixilancia das políticas comerciais, a través da antena do Igape en Estados Unidos, para asesorar ás empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica
  • Galicia é a quinta Comunidade por volume de exportacións ao mercado estadounidense, con 800 millóns de euros en 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o traballo do Goberno galego para minimizar as repercusións do novo contexto internacional no tecido empresarial galego do que gabou a súa capacidade para afrontar os cambios con éxito. Unha situación que Lorenzana analizou no transcurso da reunión de traballo que mantivo cunha delegación norteamericana formada por representantes da embaixada e de sete estados do país estadounidense (Ohio, Virginia, Carolina do Norte, Carolina do Sur, Texas, Indiana e Pensilvania) e na que tamén estiveron presentes membros da Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), entidade promotora da visita.

Lorenzana explicou que o encontro serviu para estreitar os lazos comerciais con Estados Unidos e abordar o impulso a novas fórmulas de colaboración entre o país norteamericano e as empresas galegas. De feito, na reunión apuntáronse, entre outras cuestións, as diferentes oportunidades de negocio nun país que para Galicia ten un enorme potencial investidor en áreas tan diversas como a construción, o sector das enerxías renovables, o aeroespacial ou a industria alimentaria.

UN MILLEIRO DE EXPORTADORAS GALEGAS

Galicia é a quinta comunidade autónoma máis exportadora de España ao país estadounidense. No último ano, un milleiro de empresas galegas, das que 350 o fixeron de forma regular, exportaron rumbo a ese mercado produtos por un importe de 800 millóns de euros, o que representa o 2,6 % do total de exportacións de Galicia.

Aínda así, e malia que a previsión é que o efecto de posibles aranceis sexa limitado na economía galega, a conselleira de Economía e Industria indicou que a Xunta está a manter unha estratexia activa para asegurar que as empresas galegas manteñan a súa competitividade a través do fomento da innovación, a internacionalización e a promoción dos seus produtos. E tamén coa posta en marcha dun observatorio de vixilancia a través da antena que o Igape ten nos Estados Unidos co obxecto de facer un seguimento das políticas comerciais, asesorar ás empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica para que poidan adaptarse aos novos escenarios.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia