Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Oficina Económica de Galicia cumple un ano como referente en simplificación administrativa para fortalecer o desenvolvemento empresarial

 

  • No acto de aniversario desta “canle privilexiada e rápida”, Alfonso Rueda afirmou que “supuxo un salto cualitativo” na redución da tramitación burocrática de proxectos e investimentos
  • A Oficina Económica do Igape asesorou no seu primeiro ano preto de 200 proxectos de especial relevancia, atendeu case 19.000 consultas e mantivo 865 reunións con empresas
  • Rueda lembrou que a Xunta ten en marcha dúas liñas para a redución de trámites: a de dixitalización dos procesos e a de axudas directas a emprendedores, autónomos e pemes

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa simplificación administrativa para así fortalecer o desenvolvemento empresarial, tamén nos proxectos de emprendedores e de pequenas e medianas empresas.

Durante a súa intervención no aniversario da posta en marcha da Oficina Económica do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), creada hai un ano co obxectivo de reducir a tramitación burocrática das empresas na súa relación coa Administración, Rueda afirmou que este punto de acollida centralizado “supuxo un salto cualitativo” ao ofrecer a empresas e inversores “unha canle privilexiada” e “rápida” para tratar as súas iniciativas.

Segundo sinalou o presidente, a Oficina “chamou a atención” fora de Galicia e forma parte da aposta da Xunta por facer da nosa comunidade un lugar “atractivo e competitivo” para aproveitar as oportunidades retendo e atraendo investimentos, e onde van atopar criterios “esixentes” pero tamén “facilidades” e “seguridade xurídica”.

AXUDAS DIRECTAS A EMPRENDEDORES, AUTÓNOMOS E PEMES

Neste sentido, o Goberno galego emprendeu dúas liñas de acción para facilitar a redución de trámites: por unha banda, a dixitalización dos procesos para descentralizar a presentación de documentos, obter respostas e asesoramento en tempo real e gañar en eficiencia e transparencia; e, por outra banda, axudas directas a emprendedores, autónomos e pemes para crear un entorno máis favorable á implantación de novas industrias.

Dende a súa posta en marcha, a Oficina Económica do Igape atendeu preto de 19.000 consultas, mantivo 865 reunións con empresas, asesorou 193 proxectos de especial relevancia e resolveu ao momento máis do 85% das consultas realizadas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia