Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda salienta na asemblea xeral da CEG os “puntos de encontro” cos empresarios galegos en retos como a axilización administrativa ou a redución do absentismo laboral

  • Reafirmou o compromiso da Xunta co tecido produtivo da Comunidade e precisou que a Administración Galega leva mobilizados máis de 530 millóns de euros neste exercicio para apoiar directamente ás empresas
  • O presidente da Xunta apuntou a condición de socio estratéxico da CEG, entidade á que considera exemplo do diálogo e da colaboración público-privada na definición e execución das políticas económicas
  • Rueda detallou que Galicia xa supera en máis dun 11% o nivel de PIB previo á pandemia, tres puntos por riba da media estatal, e que logra un índice de produción industrial e unha dinámica empresarial superiores ós do conxunto de España
  • Avanzou que na Conferencia de Presidentes que se celebra hoxe en Barcelona defenderá os intereses de Galicia en materia de vivenda, formación profesional ou infraestruturas, así como un novo modelo de financiamento autonómico, unha inmigración “con traballo estable” e a implantación de industrias “con seguridade”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou na clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) o compromiso do Goberno galego co tecido produtivo da Comunidade e co papel fundamental das empresas no desenvolvemento económico e social do país. Na súa intervención, destacou a relevancia desta organización empresarial como “interlocutora” cualificada e voz do tecido empresarial galego desde a súa creación en 1981 e salientou a recente reelección do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, ao que agradeceu “que conte coa Xunta”.

Rueda subliñou os “puntos de encontro” cos empresarios e os seus representantes para que “a Galicia lle vaia ben”. Nesta liña, salientou a importancia da colaboración público-privada e do diálogo para chegar a “acordos e avances” nun escenario que conta con retos como o “absentismo laboral” ou a “axilización administrativa”.

O xefe do Executivo autonómico fixo referencia aos principais indicadores económicos para ilustrar a boa evolución da economía galega. Galicia, segundo explicou, xa supera en máis dun 11% o nivel de PIB previo á pandemia (tres puntos por riba da media estatal), e presenta unha produción industrial e unha dinámica empresarial superiores ás do conxunto de España. Tamén salientou que a Comunidade rexistrou no primeiro trimestre de 2025 a taxa de paro máis baixa desde 2008.

A Xunta leva mobilizados máis de 530 millóns de euros neste exercicio para apoiar directamente o tecido empresarial, mediante liñas de axuda ao investimento, á innovación, á dixitalización ou á internacionalización.

CONFERENCIA DE PRESIDENTES AUTONÓMICOS

Durante a súa participación no acto, Alfonso Rueda tamén avanzou aspectos da súa participación esta mesma semana na Conferencia de Presidentes a celebrar hoxe, venres, en Barcelona. O presidente da Xunta dixo agardar deste cumio de presidentes autonómicos “que sexa útil” e adiantou que defenderá os intereses de Galicia en materia de vivenda, formación profesional, infraestruturas enerxéticas, implantación de industrias “con seguridade”, infraestruturas, un novo modelo de financiamento autonómico ou a inmigración “con traballo estable”.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia