Consellería de Economía e Industria
Alfonso Rueda lamenta que a Conferencia de Presidentes Autonómicos só servise “para que o Goberno central teña a súa foto”
- O presidente da Xunta non recuncia a chegar a acordos en vivenda, sempre que se cumpra con que a achega autonómica se dedique ás prioridades establecidas por cada Comunidade e se aumente o prazo de 4 a 6 anos
- Solicitou ao presidente do Goberno que ceda á Xunta todas as vivendas da Sareb habitables, en situación legal e en zonas con demanda para convertelas en vivendas públicas, e que corrixa as “medidas contraproducentes” para activar o mercado, protexendo aos inquilinos e reducindo a presión fiscal
- En financiamento autonómico, Rueda plantexou que as Comunidades reciban as entregas a conta e o pago dos correspondentes intereses, ao tempo que reiterou a petición dun cambio de modelo
- No cumio de presidentes autonómicos celebrado en Barcelona, o titular da Xunta demandou o cofinanciamento ao 50% -entre a Administración autonómica e a estatal- dos servizos e prestacións da dependencia
- En materia de Sanidade incidiu nas competencias do Goberno central e salientou a importancia de que se aumente a capacidade das Comunidades de contar con máis profesionais de atención primaria, aumentar a idade de xubilación en especialidades deficitarias e desbloquear a homologación de títulos estranxeiros
- No tocante ás infraestruturas enerxéticas, pediu cambiar a súa planificación para impedir que haxa “proxectos industriais cuxo principal problema sexa a subministración eléctrica” e para evitar dificultades para instalarse nos territorios
O presidente da Xunta lamenta que a XXVIII Conferencia de Presidentes Autonómicos servise para que o Goberno central tivese a súa “foto” pero da que os galegos marchan sen nada. Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación posterior á celebración da Conferencia, Alfonso Rueda sinalou que antes do comezo do cumio consideraba que había “posibilidades de chegar a acordos” que non se produciron. Segundo asegurou, o motivo foi que o Goberno central non quixo someter a votación as propostas realizadas polas comunidades autónomas, polo que marcharon da reunión “sen expectativas” en ningún asunto. A XXVIII Conferencia de Presidentes Autonómicos tivo lugar no Palau de Pedralbes, en Barcelona, e estivo precedida por un encontro co rei Felipe VI.
En materia de vivenda, Rueda sinalou que “non renuncia” a chegar a acordos en torno ás propostas do Goberno de España sempre que se cumpra con que se dedique ás prioridades que estableza cada Comunidade e se “aumente o prazo” de 4 a 6 anos para poder planificar a longo prazo. Ademais o titular do Executivo galego solicitou ao presidente do Goberno tanto que ceda á Xunta todas aquelas vivendas da Sareb que sexan habitables, en situación legal e estean en zonas onde exista demanda para convertelas en vivendas públicas, como que corrixa as “medidas contraproducentes” para activar o mercado da vivenda, protexendo aos inquilinos e reducindo a presión fiscal.
Nesta liña, lembrou que medidas en vivenda que agora propón o Goberno central, como a promoción pública das protexidas ou a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, xa hai meses que foron implantadas pola Xunta.
NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO
No tocante ao financiamento autonómico, o presidente destacou a entrega ao Presidente do Goberno dun texto xa articulado dun Real Decreto Lei para a súa aprobación no Congreso que provoque que as comunidades autónomas reciban as entregas a conta e o pago dos correspondentes intereses, algo que depende da vontade política do Goberno central. Asimesmo, rexeitou o financiamento singular “máis aló do que está establecido na Constitución”, apuntando que se debe “negociar o de todos entre todos”. Neste sentido, salientou que non se pode falar de mutualización da débeda se non vai aparellada de financiación e subliñou a necesidade dun “novo modelo de financiamento” para as comunidades autónomas.
En canto á política de fronteiras, Alfonso Rueda salientou a importancia da coordinación co Goberno central para axudar a “iniciar unha nova vida” aos migrantes, e destacou que Galicia é unha terra de acollida. Así, subliñou a existencia dos programas de retorno dos galegos na diáspora, cidadáns que viven con normalidade e integrados. Ao mesmo tempo, salientou que a situación dos menores non acompañados en España debía terse tratado na Conferencia para que sexan “atendidos convenientemente".
No que respecta á sanidade, o presidente da Xunta incidiu nas competencias do Goberno central na materia e salientou a importancia de que se aumente a capacidade das Comunidades de contar con máis profesionais de atención primaria, aumentar a idade de xubilación nas especialidades máis deficitarias e desbloquear a homologación dos títulos estranxeiros.
COFINANCIAMENTO PARA DEPENDENCIA
Xa en materia de dependencia, demandou que o Goberno de España cumpra coa Lei de dependencia acadando canto antes o esixido cofinanciamento ao 50% entre a Administración autonómica e a estatal dos servizos e prestacións da dependencia, algo que non está a suceder nun contexto no que os recursos económicos precisos son cada vez maiores.
O presidente celebrou que en materia educativa o Goberno central vaia colaborar coas comunidades autónomas para financiar os custes de estender o dereito á educación infantil de 0 a 3 anos, algo que en Galicia xa é universal. Ademais, reclamou tanto que o Estado cumpra a Lei de financiamento das comunidades autónomas e financie os custes da implantación das súas leis educativas, algo que a Galicia lle supón 100 millóns de euros ao ano, como que axilice a homologación dos títulos estranxeiros.
En materia de infraestruturas enerxéticas, pediu cambiar a súa planificación para impedir que haxa “proxectos industriais cuxo principal problema sexa a subministración eléctrica” e que teñan dificultades para instalarse nos territorios. Tamén se referiu ás necesidades ferroviarias non cubertas na nosa Comunidade, como a reforma do Eixo Atlántico ou o compromiso que existe para acadar a conexión de alta velocidade con Portugal para o ano 2030.