Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta xa destinou este ano 17,4 millóns de euros ás liñas de axuda do Inega para fomentar a eficiencia enerxética entre empresas e particulares

  • A conselleira de Economía e Industria detalla que este paquete de apoios consta de apoios para o sector agrícola primario, para instalacións de uso térmico, para enerxía fotovoltaica en empresas e para melloras de eficiencia enerxética en pemes ou por parte de autónomos
  • A liña para pemes e profesionais, dotada cun orzamento de 7,5 millóns, manterá aberto ata o 15 de setembro o prazo para a presentación de solicitudes
  • María Jesús Lorenzana visitou en Santiago `Ferrexpo 2026´, a feira sectorial que é o punto de encontro entre pemes, fabricantes, distribuidores, instaladores e provedores de referencia

Nas II Xornadas Multisectoriais Ferrexpo 2026 que se celebran en Santiago de Compostela, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que a Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), activou este ano 17,4 millóns de euros en diferente liñas de axuda para promover a eficiencia enerxética entre empresas e particulares. Lembrou que este paquete de apoios consta de axudas para o sector agrícola primario; para instalacións de uso térmico no ámbito residencial non urbano; para enerxía fotovoltaica en empresas; e para melloras de eficiencia enerxética en pemes ou por parte de autónomos, que é liña que aínda está aberta para solicitudes ata o 15 de setembro e por importe de 7,5 millóns de euros.

Lorenzana destacou a necesidade de promover todo un conxunto de hábitos, medidas e valores compartidos orientados a optimizar o consumo de enerxía; e a maximizar o rendemento enerxético nos fogares, nas empresas, na industria e no sector público co menor gasto posible. “É un dos obxectivos finais da nosa política enerxética: que os galegos poidan chegar a pagar menos polo que consumimos de electricidade”, remarcou.

Sobre Ferrexpo, organizada polo Grupo Ferrecal e que se celebra no Polígono do Tambre, salientou que é unha feira que reflicte o extensa que é a cadea de valor do sector en Galicia e que serve como punto de encontro entre pemes, fabricantes, distribuidores, instaladores e provedores de referencia no mercado nacional e internacional.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia