Consellería de Economía e Industria
Lorenzana considera necesario promover o talento e o liderado feminino por ser “un factor de competitividade e de sustentabilidade económica”

- No acto inaugural do VIII Foro Empresarial Empresarias Galicia, en Lalín, a conselleira de Economía e Industria defendeu que “a igualdade non é só unha cuestión de xustiza social; é algo que o empresariado ten que ver como necesario para o crecemento e fortalecemento da propia empresa”
- Remarcou ademais que atraer, reter talento feminino e incorporalo nas distintas capas da organización ata o liderado “é unha decisión estratéxica” que debe ir “máis alá das políticas formais de igualdade”
- María Jesús Lorenzana advertiu que Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, tecnolóxico e cambiante”
Na inauguración do VIII Foro Empresarial Empresarias Galicia, en Lalín, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou por promover o talento e o liderado feminino por ser un factor de competitividade e de sustentabilidade económica. “A igualdade non é só unha cuestión de xustiza social, é algo que o empresariado ten que ver como necesario para o crecemento e o fortalecemento da propia empresa”, asegurou.
Neste acto de apertura, Lorenzana sinalou que atraer e reter talento feminino e que este se incorpore nas distintas capas da organización ata o liderado “é unha decisión estratéxica” e engadiu que”ten que ir máis alá das políticas formais de igualdade”, recoñeceu.
Tal e como detallou a titular de Economía e Industria, no contexto actual Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, máis tecnolóxico e máis cambiante”. “Agora as economías que resisten son as que producen, as que teñen base tecnolóxica, as que manteñen capacidade industrial propia. A competencia é brutal”, abondou.
Deste xeito, defendeu que o papel das Administracións debe ser o de acompañar. “Non substituír as empresas nas súas decisións, nin impoñer desde un despacho que sectores teñen futuro e cales non. E, desde logo, non converter os trámites en barreiras cando deberían ser solucións”, asegurou.
EIXOS DA POLÍTICA ECONÓMICA E INDUSTRIAL
Nesta liña, indicou que a política económica e industrial da Xunta descansa sobre a enerxía e os recursos naturais; o acceso a solo industrial de xeito áxil, rápido e competitivo dentro da aposta “sen precedentes” que está a facer o Goberno galego; e o acompañamento aos proxectos empresariais a Través da Oficina Económica de Galicia. “Xerar un boca a boca de que en Galicia existe unha Administración sólida, rápida e que acompaña á empresa”, dixo.
No eido da enerxía, Lorenzana quixo poñer de manifesto o seu convencemento de que se van levantar as suspensións dos parques eólicos paralizados, que suman tantos megavatios como os que están actualmente en funcionamento, precisou. E tamén volveu reivindicar unha reforma do sistema eléctrico “na que se invistan todos os recursos en reforzar unha rede de transporte que agora mesmo non está á altura da electrificación da economía e dos consumos”.
A conselleira de Economía e Industria estivo acompañada na inauguración do VIII Foro Empresarial Empresarias Galicia polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López; a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca; a directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.

























