Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As axudas da Xunta para a compra de electrodomésticos xa están dispoñibles e oscilan entre os 100 e os 450 euros

renova electrodomesticos
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, precisou que o programa Galicia Renova Electrodomésticos conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros e cunha previsión de beneficiar a 14.000 fogares galegos
  • As axudas para persoas vulnerables cubren entre o 50 e o 75% do custo do aparello a renovar: frigorífico, frigorífico-conxelador, conxelador, lavadora, lavalouzas ou placa de indución
  • Lorenzana vinculou o programa ao fomento da concienciación social sobre a eficiencia enerxética e á dinamización das vendas no comercio local
  • Salientou a elevada participación de establecementos adheridos a esta campaña, con preto de 400
  • O Galicia Renova Electrodomésticos prevé mobilizar 7,6 millóns de euros en vendas e contribuir a unha redución de emisións equivalente á plantación de 44.000 árbores

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, comunicou que desde o xoves 8 de febreiro xa se poden solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos, ás que a Xunta destina un orzamento de 2,2 M€ coa intención de que se beneficien ata 14.000 fogares galegos.

No acto de presentación desta iniciativa, no que participaron representantes da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (Aden), Lorenzana apuntou que, ata o momento, son xa case 400 os establecementos adheridos a esta campaña, aos que agradeceu a súa participación.

As axudas cobren o 25% do custo do electrodoméstico e, en caso de consumidores vulnerables, entre o 50% e o 75%. É dicir, oscilan entre os 100 e os 450 euros e son para a compra de frigoríficos, frigorífico-conxelador, conxelador, lavadora, lavalouzas ou placas de indución coa correspondente cualificación enerxética.

EFICIENCIA ENERXÉTICA

A conselleira explicou que, nun contexto de suba de prezos, o obxectivo deste programa é axudar ás familias galegas na compra dun novo electrodoméstico para o seu fogar, ao tempo que se fomenta a concienciación social sobre a eficiencia enerxética e se dinamizan as vendas no comercio local, como o fan outras medidas da Xunta como o Bono Comercio ou o programa Renova o teu Vehículo, lembrou.

A previsión da Xunta é chegar a mobilizar 7,6 M€ en vendas e contribuír a unha redución de emisións equivalente á plantación de 44.000 árbores.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia