Consellería de Economía e Industria
Lorenzana compromete que a Xunta seguirá traballando na senda da estabilidade e do apoio ás empresas para fortalecer o peso da industria no PIB galego
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación destacou no Círculo de Empresarios de Vigo a subida de case o 2% no Índice de Produción Industrial en 2023, en contraste cunha caída media do 0,8% en España
- Tamén subliñou que Galicia supera en dous puntos ao Estado na porcentaxe de ocupados no sector industrial, cun ritmo de crecemento interanual do 7,3%
- Lorenza defende seguir insistindo na “esencial” tarefa da desburocratización administrativa para favorecer a chegada de novos proxectos, acompañando con financiamento en condicións vantaxosas e con acceso a solo industrial
- Reclama a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos e lembra que en España son tres veces superiores aos de Alemaña e Francia
- Nesta liña, pide que se fagan modificacións na rede eléctrica para asegurar subministración á futura planta de Altri e a Stellantis Vigo, entre outras compañías
- A conselleira finalizou a súa intervención denunciando a “desconexión total” existente entre as necesidades reais do tecido empresarial e o deseño dos PERTE
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asegura que a Xunta vai seguir traballando na senda da estabilidade e do apoio ao tecido empresarial para incrementar o peso da industria no PIB de Galicia e consolidar o crecemento da economía galega.
Así o manifestou antes de participar na tribuna do Círculo de Empresarios de Vigo, onde fixo referencia aos últimos datos do INE relativos ao Índice de Produción Industrial, que apuntan a un crecemento en Galicia de case o 2% en 2023, mentres que no conxunto do Estado se rexistra unha caída media do 0,8%.
“Non nos podemos conformar pero si temos que seguir traballando nesta liña”, aseverou Lorenzana, quen apuntou que son datos coherentes coa última EPA, segundo a cal Galicia supera en dous puntos ao Estado en porcentaxe de persoas traballadoras ocupadas no sector industrial, cun ritmo de crecemento interanual do 7,31%.
“Temos que seguir traballando cos empresarios no que poidamos, seguir acompañándoos”, dixo. Ao respecto, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia para continuar coa “esencial” tarefa da desburocratización. E sinalou tamén a necesidade de dar acompañamento ao tecido empresarial a nivel de financiamento e de acceso a solo industrial para facilitar a implantación de novos proxectos. Mencionou, así, o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais que puxo en marcha a Xunta para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; ou o feito de que se teñan ampliado os treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.
SOLUCIÓNS ENERXÉTICAS PARA A INDUSTRIA
Na súa intervención, Lorenzana defendeu que o reto da electrificación e da descarbonización non será posible sen un prezo eléctrico xusto e competitivo e a dispoñibilidade de rede e enerxía renovable para evitar deslocalizacións. Nesta liña, reclamou a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos porque, segundo apuntou, en España son tres veces superiores con respecto a Alemaña ou Francia.
Neste punto, solicitou que se fagan as modificacións precisas na rede eléctrica para asegurar subministración á futura planta de Altri ou a Stellantis Vigo, entre outros. Tamén pediu medidas específicas para garantir a viabilidade da gran industria consumidora de enerxía, e que a Galicia se lle compensen os custos de compensación de CO2 como merece, porque dos 860 M€ que lle corresponden só recibiu ata o de agora 300 M€.
Finalmente, quixo poñer de manifesto a importancia de ofrecer certezas para que o tecido empresarial poida desenvolver os seus plans de negocio. Denunciou, así, a “desconexión total” que existe entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos PERTE, para incidir en que é indispensable que a asignación destas axudas vaia acompasada ás demandas das empresas -especialmente da industria, as pemes e os autónomos-, e aos tempos de execución dos proxectos.