Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda remarca que a viaxe a Brasil permitiu tender “novas pontes comerciais de colaboración” e estreitar lazos coa colectividade galega do país

  • O presidente da Xunta destaca que as reunións mantidas con empresas e institucións brasileiras e galegas sentan as bases para intensificar a presenza de compañías da Comunidade no país suramericano

  • Traslada a posibles investidores as vantaxes que ofrece Galicia e convida ás empresas brasileiras que queiran vender os seus produtos en Europa a que se beneficien da “magnífica porta de entrada” galega

  • A viaxe reafirma o compromiso do Goberno galego de apoiar á colectividade do exterior e de facilitar o regreso á Comunidade, a través de incentivos como os da Estratexia Retorna

  • Rueda subliña que “esta Galicia moderna e potente” ábrese a todos os colectivos, especialmente á xente nova, “para que volvan á terra de onde saíron os seus antepasados e fagan unha nova vida, sen esquecer o lugar onde naceron”

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou a súa satisfacción tras a viaxe por Brasil que permitiu tender novas pontes comerciais de colaboración e estreitar lazos coa colectividade galega que reside no país. No eido institucional, Rueda, que estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou as xuntanzas mantidas con empresas e institucións brasileiras e galegas. Durante a viaxe, puido reunirse coa Federación de Industrias do Estado de São Paulo, a empresa Russula Gerdau e a Associaçao Brasileira de Empresarios Galegos (Abegal) en Río de Janeiro.

Estes encontros serviron para contribuír a intensificar a presenza de empresas da Comunidade en territorio brasileiro, axudando ás que queiran posicionarse nun mercado con máis de 200 millóns de potenciais consumidores.

Do mesmo xeito, tal e como sinalou o presidente da Xunta, a viaxe permitiu trasladar a posibles investidores as vantaxes que ofrece Galicia, subliñando que as empresas brasileiras que queiran vender os seus produtos en Europa teñen en Galicia “unha magnífica porta de entrada”.

FORTALEZA DAS COMUNIDADES GALEGAS DO EXTERIOR

Ademais, o presidente do Goberno galego resaltou a importancia desta viaxe para comprobar a fortaleza das comunidades galegas no exterior a través dos centros e entidades de galegos que hai por todo Brasil e nos que queda patente que a colectividade mantén “un contacto moi directo” coa súa terra natal.

Alfonso Rueda, logo de coñecer en persoa os servizos e actividades que ofrecen aos galegos e aos seus descendentes, enxalzou o labor de entidades como a Casa de Espanha de Río de Xaneiro, o Centro Español de Santos ou a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos, sendo a visita a esta última a que marcou a fin da viaxe institucional polo país suramericano.

Así, ao longo destes días en Brasil, o responsable do Executivo autonómico amosou o compromiso do Goberno galego en apoiar a colectividade no exterior –cabe destacar que en Brasil residen uns 50.000 galegos, o que o converte no segundo país do mundo con maior poboación orixinaria desta Comunidade–, e expresoulles en todos os encontros o desexo da Administración autonómica de facilitar o retorno de aqueles que o desexen.

Neste sentido, incidiu en que, a través da Estratexia Retorna, “esta Galicia moderna e potente” ábrese a todos eles, especialmente á xente nova, “para que volvan á terra de onde saíron os seus antepasados e fagan unha nova vida” sen esquecer o lugar onde naceron, neste caso Brasil.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia