Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda anuncia en Brasil que as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) se estenderán no vindeiro curso aos estudos de grao

  • Desde o ano 2017, esta iniciativa da Xunta para favorecer o retorno a Galicia xa suma 2.000 beneficiarios

  • O presidente da Xunta destacou no Centro Espanhol de Santos que a Estratexia Retorna 2023-2026, que inclúe 100 medidas, ten como obxectivo apoiar o regreso duns 30.000 galegos

  • Tamén anunciou que o próximo ano potenciarase o programa Retorna Cualifica Emprego, consistente en incentivar a volta a Galicia da man dun contrato de traballo, combinado con formación e axudas para establecerse na Comunidade

  • Alfonso Rueda eloxiou o esforzo de toda a colectividade galega do exterior, e púxoa como exemplo de compromiso coa terra e de integración coa sociedade de acollida

No transcurso da viaxe institucional a Brasil, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor as medidas para favorecer o retorno impulsadas polo Goberno galego, e convidou de forma específica á mocidade a aproveitar estas políticas. Entre outras accións, recordou que teñen á súa disposición as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que o próximo curso se estenderán tamén aos estudos de grao a través dunha iniciativa piloto.

Así o sinalou durante a súa visita ao Centro Espanhol de Santos, onde recordou que as BEME levan beneficiado desde 2017, ano no que se puxeron en marcha, a uns 2.000 mozos e mozas, dos que unha gran parte quedan en Galicia. A través destas bolsas, ofrécese financiamento e apoio a persoas retornadas que veñan a Galicia a estudar un máster, Formación Profesional ou, a partir do próximo curso, un grao.

Alfonso Rueda tamén puxo en valor outra das medidas nesta materia: o programa Retorna Cualifica Emprego, que o próximo ano se potenciará. Esta iniciativa consiste en favorecer a volta a Galicia da man dun contrato de traballo, combinado con formación e axudas para establecerse.

ESTRATEXIA RETORNA

Estas medidas forman parte da Estratexia Retorna 2023-2026, que inclúe apoios en materia de vivenda, emprendemento ou asesoramento. En total, esta folla de ruta está composta por 100 medidas co obxectivo de favorecer o regreso duns 30.000 galegos ata o final da súa vixencia. Cómpre lembrar que, grazas á anterior Estratexia, volveron á comunidade unhas 28.000 persoas da Galicia exterior.

Na súa intervención, Rueda tamén eloxiou o traballo de toda a colectividade do exterior, e púxoos como exemplo de compromiso coa terra e de integración coa sociedade de acollida.

Logo desta visita en Santos, o presidente desprazouse ata São Paulo para reunirse coa colectividade da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos, Instrução e Recreio - Casa de Espanha co obxectivo de trasladarlles todo o apoio da Xunta.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia